Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de Galicia investiu 440.000 euros na renovación da pasarela do bordo portuario de Moaña

  • Portos de Galicia transferirá a conservación desta actuación ao Concello e prevé iniciar proximamente a renovación do pavimento dos pantaláns pesqueiros do peirao de Meira

Moaña (Pontevedra), 20 de maio de 2022.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia vén de investir 440.000 euros na renovación da pasarela do bordo portuario de Moaña. Así o sinalou hoxe a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita á zona para comprobar a finalización dos traballos e manter un encontro coa alcaldesa do municipio pontevedrés co fin de coordinar a transferencia da conservación desta obra ao Concello, dado o servizo veciñal que presta.

As obras executadas consistiron na construción dunha pasarela peonil no bordo litoral da zona portuaria en substitución da vella pasarela de madeira que se atopaba deteriorada polo paso do tempo. Así, esta nova vía está construída en voladizo con estrutura de formigón e aceiro para maior resistencia e duración. Esta configuración permite eliminar os apoios na praia e na coieira.

Na zona da coieira, ademais, dispóñense dúas escaleiras de acceso ao mar e na zona de praia construíronse unhas escaleiras de granito nun dos laterais e substitúese a vella rampla de madeira por unha nova de aceiro e formigón.

A presidenta de Portos de Galicia aproveitou esta visita para informar da actuación prevista para o peirao de Meira, tamén no municipio de Moaña. Trátase da renovación do pavimento de madeira dos pantaláns pesqueiros do porto por un novo de madeira tecnolóxica, que mellora as súas condicións de resistencia ante a acción do mar. O Executivo galego investirá nesta actuación preto de 50.000 euros e prevé que os traballos poidan comezar no prazo estimado dun mes.