Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de Galicia licita por máis de 400.000 euros as obras de acondicionamento das lonxas de Portosín e Porto do Son

  • Os traballos tamén inclúen melloras no edificio da confraría de pescadores de Porto do Son e céntranse na renovación das cubertas, o selado e pintado das súas fachadas así como dalgúns departamentos interiores.
  • Rosa Quintana salienta que este tipo de actuacións buscan mellorar as condicións de traballo dos usuarios destas instalacións e impulsar a actividade dos peiraos.
  • Estas melloras benefician aos máis de 300 socios que suman as confrarías de Portosín e Porto do Son, ás arredor de 150 embarcacións que teñen base nos dous portos, aos traballadores das propias lonxas e aos comercializadores ao por maior ou polo miúdo que participan nas súas poxas.

 

Porto do Son (A Coruña), 20 de xuño de 2022.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe o porto de Portosín, onde anunciou que Portos de Galicia vén de iniciar o procedemento de licitación das obras de acondicionamento da lonxa local e tamén dos edificios que acollen a lonxa e a confraría de pescadores de Porto do Son. A titular de Mar, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, subliñou que o investimento conxunto supera os 400.000 euros e que este tipo de actuacións buscan mellorar as condicións de traballo dos usuarios destas instalacións.

Neste sentido, a representante do Executivo galego lembrou que os beneficiarios potenciais destas melloras serán os máis de 300 socios que suman as confrarías de Portosín e Porto do Son e as arredor de 150 embarcacións que teñen base nos dous portos, ás que se suman as de outras localidades que venden neles. Entre os beneficiarios tamén se contan os traballadores das propias lonxas ou os comerciliazadores ao por maior ou polo miúdo que participan nas súas poxas.

A conselleira salientou que se trata de dous centros de primeira venda que contan cunha importante actividade e que resistiron ben os anos da pandemia, polo que apostou por seguir investindo na zona para impulsar a súa actividade e xerar emprego e riqueza na súa contorna, así como mellorar a comercialización dos produtos do mar.

 

Actuacións

Os traballos na lonxa de Portosín consistirán no acondicionamento do inmoble e na mellora da súa estanquidade. De feito, renovarase a cuberta substituíndoa por outra de materiais máis modernos e resistentes. Ao mesmo tempo, cambiaranse os canlóns e baixantes, realizarase o pintado e selado das fachadas e pintarase algunha zona interior do efificio, como a zona de oficinas. Todas estas actuacións contan cun orzamento de licitación de preto de 200.000 euros.

No caso de Porto do Son, acondicionarase e mellorarase a estanquidade da lonxa renovando a cuberta, os canlóns e as baixantes ao tempo que se procederá ao selado e pintado da fachada. No interior tamén se pintarán as zonas de oficinas, poxas e os aseos. No inmoble da confraría, selaranse as fachadas para evitar filtracións de auga e pintarase o interior. Estes traballos contan un orzamento de licitación de 230.000 euros.

Rosa Quintana explicou que a tramitación das dúas actuacións se atopa en fase de presentación de ofertas, un prazo que rematará a comezos de xullo. Posteriormente, unha vez contratadas e iniciadas as obras, o prazo de execución previsto é de catro meses.