Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de galicia pide ao concello de poio que deixe de buscar culpables externos ao problema estrutural de déficit de prazas de aparcamento que ten en combarro

A presidenta de Portos de Galicia respondeu a dúas preguntas na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento.

 

  • A presidenta de Portos de Galicia lembra que as obras do emisario da EDAR dos Praceres beneficiarán ao conxunto da ría de Pontevedra, incluído Poio, e que o Goberno local foi informado convenientemente das restricións previstas na contorna do dique da Canteira.
  • Susana Lenguas salienta que a zona restrinxida polos traballos non é un espazo habilitado para o estacionamento de vehículos, senón de uso estritamente portuario, malia que viñese empregándose como solución a falta de espazos de estacionamento.
  • O Executivo galego destaca que tanto o porto de Combarro como o período estival son as opcións óptimas para executar as actuacións do emisario pois non existen na actualidade outras zonas portuarias co espazo axeitado dispoñible.
  • A Xunta vai defender ata o final os intereses da cadea mar-industria e do conxunto da cidadanía ante o informe do Ministerio para a Transición Ecolóxica sobre o Plan Especial de Cambados e recorda que o Estado debe respectar a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios, que non foi impugnada nin anulada.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2022.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, pediu hoxe ao Concello de Poio que deixe de culpar á Xunta dos problemas de aparcamento existentes en Combarro, que son estruturais, e lembrou que as restricións na contorna do dique da Canteira son necesarias para acometer as obras do emisario da estación depuradora de augas residuais (EDAR) dos Praceres, unha obra que beneficiará a toda a ría de Pontevedra, incluídos os máis de 17.000 veciños de Poio.

A responsable do ente público respondeu na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento a unha pregunta parlamentaria sobre este asunto na que subliñou que o Goberno local foi informado convenientemente en xuño de que se ían realizar esas obras no porto de Combarro.

Ademais, remarcou, a contorna do dique da canteira non é un espazo habilitado para o estacionamento de vehículos, senón de uso estritamente portuario, malia que ata o momento viñese empregándose como unha solución á falta de prazas de aparcamento en terreos municipais.

Susana Lenguas tamén aclarou que a proposta do Concello de execución dun novo aparcadoiro nunha zona próxima axardinada non é posible tal e como está realizada pois pretende destinar as prazas a residentes e non se poden reservar eses espazos para usos non portuarios. Ao mesmo tempo, reprochou ao Goberno local que fale agora de chegar a acordos cando Portos de Galicia leva máis de tres anos intentando pechar, sen éxito tras múltiples reunións, distintos convenios de colaboración en beneficio do conxunto dos veciños de Poio.

A presidenta de Portos de Galicia tamén xustificou que tanto o porto de Combarro como o período estival son as opcións óptimas para executar os traballos da EDAR dos Praceres -nos que a Xunta inviste 12 millóns de euros- ao non existir na actualidade alternativas viables noutras zonas portuarias pois non hai espazo axeitado dispoñible.

Susana Lenguas detallou que a área portuaria delimitada na contorna do dique da canteira non se vai empregar unicamente como zona de almacenamento de materiais senón que actuará como planta de produción e lanzamento ao mar, operacións que deben realizarse nas mellores condicións marítimas. De feito, agora é o momento no que as embarcacións, técnicos e operarios poden traballar con seguridade e coa menor afección posible ao tráfico portuario.

A representante do Executivo galego lamentou as molestias que as obras poidan causar aos veciños de Poio, pero lembrou que a realización dos traballos está tecnicamente xustificada. Así mesmo, confiou en que o Goberno local traballe para buscar solucións aos problemas de estacionamento existentes en Combarro que, subliñou, debía ter resolto antes de que se producise esta circunstancia. 

Plan especial de Cambados

A presidenta de Portos de Galicia tamén respondeu a unha pregunta sobre o Plan Especial de Cambados, na que deixou claro que o Executivo galego vai defender ata o final os intereses da cadea mar-industria asentada no porto así como doutras instalacións de servizos á cidadanía. Neste sentido, defendeu que a Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) dá cobertura aos usos previstos no Plan Especial e remarcou que, se non foi impugnada nin anulada, o Goberno central debe respectala.

Susana Lenguas indicou que o informe emitido pola Dirección Xeral da Costa e do Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico supón unha inxerencia xurídica nas competencias transferidas ás comunidades autónomas e insistiu no risco que a actitude do Estado supón para a cadea mar-industria de Galicia e o conxunto da actividade portuaria, asentada no dominio público portuario. Ademais explicou que o informe ministerial pretende suplantar a Lei de Portos de Galicia pola Lei de Costas do Estado e comprometeu todo o traballo da Xunta de Galicia para sacar adiante o plan especial.

A responsable do ente público tamén advertiu de que Costas solicita coñecer todas as concesións e autorizacións vixentes no ámbito do Plan Especial co obxectivo de establecer un canon estatal sobre as que están nos terreos adscritos, engadidos aos espazos portuarios inicialmente transferidos á Xunta. Esa medida, alertou, podería supoñer unha dobre imposición aos concesionarios co conseguinte impacto económico sobre a actividade empresarial.

Por iso, Portos de Galicia está a facer os trámites necesarios para facer valer as competencias autonómicas ante o informe do Goberno central. O Executivo galego ten como obxectivo irrenunciable sacar adiante o Plan Especial de Cambados e defender a aplicación da lei sectorial de Portos de Galicia.