Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de Galicia renova o alumeado portuario de Viveiro e celeiro con equipos de tecnoloxía led de altas prestacións e software de telecontrol

  • Portos de Galicia inviste 120.000 euros nesta actuación incluída nun contrato conxunto de 3,8 millóns para unha trintena de dársenas autonómicas

Viveiro (Lugo), 30 de agosto de 2022.- Portos de Galicia, renovará o alumeado portuario do municipio de Viveiro con máis de medio centenar de equipamentos, luminarias, proxectores e software de telexestión.  Así llo trasladou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, aos representantes da confraría de pescadores de Celeiro nunha reunión de traballo na súa sede, na que subliñou que esta actuación mellorará as condicións de iluminación e eficiencia enerxética, procurando unha reducida contaminación lumínica.

Con este obxectivo, implantarase tecnoloxía LED con equipos de altas prestacións deseñados especialmente para traballar en espazos portuarios pola súa durabilidade en ambientes mariños e condicións climáticas adversas. Ademais, incrementarase a protección contra sobretensións e implantarase unha capa tecnolóxica para o telecontrol da iluminación.

Esta actuación, orzamentada en 120.000 euros, inclúese nun contrato conxunto de 3,8 millóns de euros que Portos de Galicia ten en licitación para unha trintena de dársenas autonómicas co obxectivo de dotar de sistemas de alumeado exterior sustentable ao conxunto do sistema portuario autonómico.

No porto de Viveiro actuarase sobre 54 luminarias e proxectores para a súa renovación, incluíndo a retirada das instalacións existentes, a substitución polos novos equipos LED e a dotación de sistemas de telexestión. Portos implementará este proxecto tamén nas dársenas de Ribadeo e Burela coa finalidade de mellorar a calidade luminosa dos portos e contribuír ao aforro enerxético.

 

Substitución de pavimentos

Susana Lenguas informou tamén durante a súa visita a Viveiro de que o ente público ten en licitación outro contrato de grande envergadura para a renovación de firmes e pavimentos esgotados no conxunto dos portos autonómicos. Neste caso invertiranse máis de 125.000 euros nos portos de Viveiro e Celeiro. En Celeiro actuarase sobre o total da vía interior que da acceso á lonxa, mentres que en Viveiro se mellorarán diversas zonas da explanada portuaria.

Finalmente, a presidenta de Portos, acompañada por representantes municipais, comprobou o avance das obras de acondicionamento da nave de redes que Portos de Galicia ten en execución en Celeiro e que conta cun investimento de 380.000 euros.