Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de Galicia e o centro de investigación BDRI do Grove traballan na busca de medidas para minimizar no futuro a interacción das candorcas cos barcos a vela

  • A presidenta de Portos de Galicia reuniuse coa directiva da entidade para impulsar fórmulas que potencien o coñecemento e a prevención para facer fronte a esta problemática como accións disuasorias ou sistemas de alerta.

 

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022.- Portos de Galicia, está a traballar na procura do maior coñecemento posible do comportamento das candorcas coa finalidade de determinar liñas de actuación para minimizar as interaccións destes animais na navegación de embarcacións a vela e aumentar a seguridade. Con este obxectivo, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, reuniuse co director e con técnicos do centro Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con sede no Grove e especializado no estudo do comportamento dos cetáceos.

A representante do ente público manifestou a súa preocupación e interese en avanzar na investigación e mostraxe ante esta situación e o seu impacto na actividade náutico-recreativa da comunidade, onde os xestores dos portos deportivos teñen constatado unha maior preocupación dos navegantes por esta cuestión.

Así mesmo, subliñou a necesidade de afondar en posibles ferramentas que trasladen calma ao sector para evitar a afectación aos tránsitos e ao turismo náutico. Con este obxectivo, froito deste encontro, formularanse proximamente diversas propostas de investigación na liña de definir medidas disuasorias ou sistemas de alerta de presenza destes animais.

 

Fenómeno recente

Ambas partes coincidiron neste encontro en que se trata dun fenómeno recente –os primeiros casos foron rexistrados en 2020- que ten especial incidencia na franxa atlántica, entre o estreito de Xibraltar e a costa galega. Desde entón teñen proliferado os encontros destes cetáceos con navegantes a vela dado que a época do ano na que as candorcas recorren estas augas se desprazou, coincidindo coa maior actividade náutica. O BDRI trasladou que, a priori, a interacción cos navegantes explícase como un xogo dos cetáceos na súa aprendizaxe como depredadores.

Na reunión púxose tamén de manifesto o incremento da natalidade na colonia de candorcas o pasado ano, unha especie que está protexida e en perigo de extinción e da que se estima que existen en torno a 80 exemplares entre Xibraltar e o Reino Unido.