Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de Galicia inviste máis de 1,3 millóns de euros na mellora de pantaláns en oito peiraos da provincia da Coruña

  • A entidade vén de contratar os traballos para Corme, Pontedeume, Fisterra, O Freixo, Muros, Miño, Betanzos e Corcubión cun prazo de execución de 10 meses

PantalánsSantiago de Compostela, 15 de marzo de 2021.-  Portos de Galicia vén de asinar o contrato para a execución das obras de mellora de pantaláns en oito peiraos da provincia da Coruña. En concreto a actuación beneficiará aos portos de Corme, Pontedeume, Fisterra, O Freixo, Muros, Miño, Betanzos e Corcubión.

As obras consistirán na reforma integral dos pantaláns e estruturas aboiantes das citadas dársenas mellorando as instalacións en relación coas prestacións de seguridade. Así mesmo, procederase á reparación correspondente nos casos das dotacións que presentaban deficiencias provocadas polo propio uso. O orzamento total do contrato ascende a máis de 1,3 millóns de euros e o prazo de execución dos traballos será de 10 meses.  

Porto por porto, os orzamentos aproximados de cada actuación son os seguintes: Corme, 77.000 euros; Pontedeume, 244.000 euros; Fisterra, 288.000 euros; O Freixo, 443.000 euros; Muros, 120.000 euros; Miño, 235.000 euros; Betanzos, 15.000 euros e Corcubión, 36.000 euros.

Polo que respecta ás actuacións previstas, as melloras consistirán na substitución de elementos de madeira, renovación de pavimentos por madeiras sintéticas de maior duración e que reducen o risco de deslizamento, dotación de elementos auxiliares de seguridade como fingers, escaleiras e balizamentos dos pantaláns, entre outras.