Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de Galicia reitera á alcaldesa de cambados a súa boa disposición a tramitar o título administrativo que soliciten para a explotación do Salón José Peña

  • A presidenta do ente público insistiu na reunión cos representantes municipais en que o ente público veu cumprindo a folla de ruta xa comprometida antes do acordo parlamentario
  • O organismo tramitará a concesión ou autorización do inmoble, sempre previa solicitude do Concello, cos requisitos económicos establecidos na normativa vixente

Reunión co Concello de CambadosSantiago de Compostela, 13 de abril de 2021.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, reiterou esta mañá a boa disposición trasladada publicamente durante as últimas semanas por parte do ente público para tramitar o título administrativo que o Concello de Cambados solicite para a explotación do Salón José Peña. Susana Lenguas, que estivo acompañada pola secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, insistiu neste extremo na reunión mantida coa alcaldesa do municipio e representantes da Corporación.

A presidenta de Portos de Galicia sinalou durante o encontro que o ente público vén cumprindo a folla de ruta comprometida co Concello na última reunión de traballo, con anterioridade ao acordo parlamentario que a ratificou recentemente. Neste sentido, Susana Lenguas lamentou que estas iniciativas parlamentarias non se acompañen dos pasos administrativos necesarios por parte do Concello para avanzar na cuestión de fondo, a vontade da Administración pública de abrir de novo o Salón José Peña para uso dos veciños de Cambados.

En liña co que Portos de Galicia manifestou reiteradamente durante as últimas semanas, Susana Lenguas comprometeu que o organismo portuario tramitará a concesión administrativa necesaria para a explotación do edificio polo Concello a medio e longo prazo así como as autorizacións que demanden para o uso provisional durante o tempo de tramitación da concesión, pero lembrou que calquera delas debe ser sustentada e iniciada cunha solicitude por parte do Goberno local. Neste sentido, o Concello manifestou non ter decidido aínda se solicitará unha autorización temporal ou autorizacións puntuais para cada acto durante este período.

Polo que respecta ao canon económico da concesión, a presidenta de Portos de Galicia lembrou unha vez máis que este pode estar suxeito a unha bonificación do 100% sempre que o seu uso se destine a actividades de carácter público que non sexa obxecto de explotación económica. A este respecto advertiu de que a bonificación non sería aplicable no caso de que o Concello usase o inmoble para actividades que si xeran rendemento económico.

Finalmente, Susana Lenguas ofreceu á alcaldesa unha colaboración leal entre administracións, recordando a media ducia de contactos e xuntanzas mantidas sobre este tema e lembrándolle que calquera dúbida pode ser consultada de xeito directo aos técnicos ou á directiva de Portos de Galicia. A presidenta do ente dependente da Consellería do Mar facilitou varias vías de contacto ante o argumento da alcaldesa de que non optara pola comunicación directa con Portos para a solicitude desta reunión ao “non ter o seu número de teléfono”.