Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

A Xunta porá a disposición do sector marítimo-pesqueiro de Ribeira 90 novas prazas de amarre cun investimento de 1,2 millóns de euros

  • A reordenación da lámina de auga do porto inclúe a ampliación dos pantaláns, o traslado do dique e a dotación de subministracións con control de consumos

 

Ribeira (A Coruña), 21 de abril de 2021.-  A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou as obras de reordenación interior da lámina de auga do peirao de Ribeira, onde explicou que as melloras incluídas nesta actuación permitirán poñer a disposición do sector marítimo-pesqueiro local 90 prazas de amarre. Os traballos, que están en proceso de execución, contan cun investimento de 1,2 millóns de euros a través de Portos de Galicia.

A titular de Mar, que estivo acompañada pola presidenta do ente público, Susana Lenguas, explicou que as obras inclúen a ampliación dos pantaláns de descarga para buques pesqueiros (terceira lista), dos das embarcacións auxiliares de acuicultura (cuarta lista) e das náutico-recreativas (sétima lista) así como o traslado do dique flotante e a instalación dun pantalán para embarcacións institucionais.

Esta última infraestrutura xa está colocada e conta con catro prazas de amarre para embarcacións institucionais como as do Servizo de Gardacostas de Galicia ou as de Salvamento Marítimo do Estado. Mentres, a ampliación do resto de pantaláns suporá a creación doutras 86 prazas de amarre, das que 75 se corresponderán con embarcacións pesqueiras, oito serán para auxiliares de acuicultura do sector bateeiro e tres para barcos de lecer.   

Ademais da ampliación de prazas, o proxecto prevé a dotación de torres de subministración e iluminación aos pantaláns con sistema intelixente de control de consumos. Tamén se habilitarán torres de subministración eléctrica de alta capacidade ao peirao situado fronte á lonxa vella. Finalmente, instalarase un sistema de control de accesos nos portalóns dos pantaláns que funcionará a través do teléfono móbil.

Rosa Quintana explicou que o prazo de execución das obras é de oito meses polo que a súa finalización, se non se produce ningún imprevisto, está estimada para o último trimestre do ano. Trátase dunha actuación, incidiu, que contribúe a mellorar a actividade marítimo-pesqueira nesta localidade e a facela máis competitiva así como a integrar o porto coa vila facendo máis accesible a contorna portuaria aos cidadáns.

A conselleira do Mar tamén lembrou que esta actuación se suma á que están a executar conxuntamente a Xunta, a través de Portos de Galicia, e o Concello de Ribeira para a remodelación da fachada marítima da localidade, concretamente no paseo das Carolinas. “En total, Portos de Galicia ten en execución a día de hoxe no porto de Ribeira actuacións que supoñen un investimento de preto de dous millóns de euros”, subliñou Rosa Quintana.