Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

A xunta inviste preto de 450.000 euros na instalación de novas defensas e escalas nos portos de Muxía, Camariñas e Ribeira

  • Portos de Galicia vén de contratar os traballos, que contan cun prazo de execución de cinco meses

 

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2021.-  A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de asinar o contrato para a execución das obras de mellora de defensas e escalas nos portos de Muxía, Camariñas e Ribeira, na provincia da Coruña. O ente público inviste preto de 450.000 euros nesta actuación, que contará cun prazo de execución de cinco meses desde a sinatura da acta de conformidade para o inicio de obra.

As obras redundarán na mellora das condicións de traballo do sector profesional dos citados portos e veñen motivadas pola necesidade de substituír as defensas actuais, de tipo vertical, dos peiraos pesqueiros destas dársenas. Estes elementos atopábanse deteriorados pola acción do mar e o seu uso.

No peirao de Ribeira proxéctanse 37 novas defensas de protección verticais, separadas seis metros cada unha no peirao da antiga lonxa, e outras 18, tamén con seis metros de distancia entre elas, na zona de atracada da fábrica de xeo. Para a instalación destes elementos retiraranse os anteriores, de rosario. Ademais instalaranse catro escalas de gato e dúas de aceiro incrustadas no paramento.

No porto de Muxía faise necesaria a ordenación da atracada para un mellor aproveitamento do espazo dispoñible. Esta optimizarase mediante a instalación de novas defensas de tipo vertical e escalas en substitución das existentes. Instalaranse 15 unidades no peirao da lonxa e 10 na atracada da fábrica de xeo. Mentres, as escalas de madeira substituiranse por catro escalas de gato de aceiro inoxidable.

No que respecta ao peirao de Camariñas, mellóranse as condicións de atracada tanto para as embarcacións institucionais como para as pesqueiras. En total instalaranse catro unidades de defensas verticais na zona de atracada da embarcación de Salvamento Marítimo e oito na de atracada da frota de baixura. En substitución das escalas de madeira instalaranse tres escalas ancoradas.