Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de Galicia contrata por 100.000 euros a construción dun pantalán de pasaxe e a ampliación do da escola de vela de Pontecesures

  • O inicio dos traballos está supeditado á aprobación do Plan de Seguridade e Saúde das obras e estímase para mediados do vindeiro mes

Visita ó porto de PontecesuresPontecesures (Pontevedra), 29 de abril de 2021.-  Portos de Galicia vén de contratar as obras de construción dun pantalán para servizo de pasaxe e a ampliación do da escola de remo no peirao do municipio pontevedrés de Pontecesures. Así o comunicou esta mañá a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita á zona na que estivo acompañada polo alcalde da localidade.

A responsable de Portos explicou que esta actuación dará resposta ás necesidades do servizo de transporte de pasaxeiros que ten lugar no peirao local e resolverá as necesidades dos usuarios da escola de vela. As obras contan cun investimento de 100.000 euros e o seu inicio está supeditado á aprobación do Plan de Seguridade e Saúde. Estímase que poidan comezar a mediados do vindeiro mes e unha vez iniciadas contarán cun prazo de execución de dous meses.

Os traballos consisten na construción dun novo pantalán flotante con acceso na rampla de descarga fronte á praza de abastos, constituído por unha porta metálica, unha pasarela de 16 metros de lonxitude e dous metros de paso así como tres módulos de pantalán de seis metros de lonxitude cada un, de estrutura de aluminio e pavimento tecnolóxico. Un dos módulos situarase a continuación da pasarela, na mesma aliñación, e os outros dous en orientación perpendicular formando un ele no que o lado curto se empregará para embarque e desembarque de pasaxeiros mentres que o longo será para a atracada.

Este pantalán destinarase ao uso específico dos pasaxeiros que realizan a ruta fluvial da Traslatio, dentro do Camiño de Santiago por mar, e que ata o momento viñan empregando instalacións propias doutros usos. Coa construción desta nova dotación preténdese evitar interferencias entre as distintas actividades portuarias. Así mesmo, ampliarase o pantalán para uso da escola de remo mediante a instalación dun novo módulo en prolongación do existente, semellante a este en materiais e dimensións.

Susana Lenguas lembrou durante a súa visita a Pontecesures que a esta actuación, que está a piques de iniciarse, se engade outra obra menor que xa foi executada, a limpeza do muro e a coieira en toda a marxe fluvial do porto. Os traballos consistiron na limpeza da vexetación que estaba incrustada no frontal nunha extensión de máis dun quilómetro.