Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de galicia, confraría e lonxa de celeiro consensúan melloras para o sector pesqueiro da zona

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2021.-  A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo unha reunión co patrón maior da confraría de pescadores de Celeiro, representantes da directiva da entidade e o presidente da lonxa local para abordar distintos proxectos encamiñados á mellora das condicións de seguridade e traballo dos profesionais que operan no porto do municipio lucense de Viveiro. Neste encontro as partes consensuaron solucións e novas dotacións para o sector profesional da zona.

A representante do ente dependente da Consellería do Mar informou do estado de tramitación dos proxectos de mellora  para a nave de redes e a nave de efectos navais de Celeiro. A este respecto, trasladou que se está a finalizar a redacción dos proxectos para a súa posterior tramitación. Na xuntanza tamén se avanzou na definición do acceso aos novos pantaláns pesqueiros, actualmente en proxecto, e informouse á confraría de que a actuación incluirá tamén a reparación de flotadores e outros elementos do pantalán xa existente.