Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de Galicia contrata por 476.000 euros as obras de dragaxe do porto de Carril

  • O prazo de execución previsto é de catro meses dende o inicio dos traballos, que permitirán retirar máis de 18.000 metros cúbicos de áridos do fondo mariño e recuperar o calado necesario para a normal operatividade do peirao.

 

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2021.- Portos de Galicia vén de contratar as obras de dragaxe do porto de Carril, no municipio pontevedrés de Vilagarcía de Arousa. O ente público dependente da Consellería do Mar inviste 476.000 euros nesta actuación, que contará cun prazo de execución de catro meses desde o inicio dos traballos.

As obras consisten na extracción de area en parte da dársena ata acadar a cota -2 en baixamar na zona sur e a cota 0 en baixamar na zona norte. O volume total de material para dragar é de máis de 18.000 metros cúbicos. Parte dos áridos extraídos serán empregados para a rexeneración dos bancos marisqueiros da zona, unha medida adoptada en consenso co sector, que demandara este uso.

Esta actuación responde a unha demanda reiterada do sector portuario de Carril e permitirá recuperar o calado necesario para a normal operatividade do peirao, así como o acceso, amarre e fondeo da frota en condicións de seguridade.