Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de Galicia saca a licitación por 205.000 euros as obras de mellora da rampla de varada do porto da Guarda

  • Os traballos supoñen a prolongación desta infraestrutura, reparación de descalces do peirao, escaleiras e reposición do pavimento.

 

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2021.- Portos de Galicia vén de sacar a licitación as obras de mellora funcional da rampla de varada do porto do municipio pontevedrés da Guarda. Os traballos saen a concurso cun orzamento de licitación de 205.000 euros e o prazo de presentación de solicitudes está aberto para os interesados, que poden consultar toda a información na plataforma Contratos de Galicia e na páxina web do ente público, www.portosdegalicia.gal.

Os traballos proxectados consisten na mellora da operatividade desta infraestrutura na que ten lugar a carga e descarga de pesca do peirao guardés, para garantir a súa funcionalidade en condicións axeitadas de seguridade. A rampla, que ten unha anchura de 115 metros e unha lonxitude de 72 metros, desemboca nunha zona de rocha que en función das mareas dificulta o seu uso polo que é necesaria a prolongación.

As obras inclúen a ampliación da rampla en 18,5 metros de lonxitude e 35 de anchura, partindo das escaleiras de acceso. Así mesmo abarcan o recalce do peirao de descarga e a reparación das escaleiras anexas que se empregan para o subministro de combustible. Finalmente restituirase tamén parte do pavimento da rampla actual.

Con carácter previo a esta actuación o proxecto inclúe a dragaxe da fronte de acceso á rampla ata acadar a cota -1. A superficie para dragar é de 952 metros cadrados e o volume estimado de material para extraer, de 140 metros cúbicos. O material será trasladado a outra zona da dársena ou retirado para a súa valorización en terra.