Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de Galicia presenta no Southampton Boat Show de Reino Unido a súa proposta “Galicia destino náutico: O Camiño do Mar”

 

 

  • A presidenta de Portos de Galicia encabeza a participación galega no salón internacional para promocionar a peregrinación en barco neste Xacobeo 21-22.

Southampton, 17 de setembro de 2021.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, participa desde hoxe no salón náutico Southampton Boat Show que se celebra ata o vindeiro domingo nesta localidade británica con participación sectorial internacional. A representante do ente dependente da Consellería do Mar encabeza a delegación galega na feira, que conta cun posto conxunto de Portos e Turismo de Galicia con información promocional para atraer e lograr a fidelidade dos navegantes coa comunidade galega.

A representante do Executivo galego presidirá mañá a ponencia Galicia Destino Náutico: O Camiño do mar, que incidirá nas potencialidades do sistema portuario galego como porta de entrada a peregrinos que cheguen a Galicia por mar desde calquera punto do litoral europeo. Nesa exposición presentará a rede de portos deportivos galegos como portos xubileos, desde os que calquera navegante pode enlazar co Camiño de Santiago e chegar a Compostela neste Xacobeo 2021-2022.

Portos de Galicia mostrará que, lonxe doutras propostas náuticas masificadas, a comunidade ofrece aos navegantes a posibilidade de peregrinar por mar e gañar o xubileo recorrendo a vela un mínimo de  100 millas náuticas para rematar percorrendo a pé os últimos quilómetros ata a Catedral de Santiago. Ademais salientará que todos os portos deportivos galegos son portos xacobeos e neles o navegante pode selar a credencial de peregrino para presentar unha vez chegue a Santiago e conseguir a Compostela.

Durante a súa participación no salón náutico de Southampton, a presidenta de Portos está a manter tamén diversas reunións de traballo con operadores náuticos internacionais coa finalidade de presentar a rede de portos deportivos galegos, recollidos na guía virtual www.guianauticadegalicia.gal. O obxectivo último da presenza de Galicia neste salón pasa por optimizar o reclamo do Xacobeo 21-22 para atraer á comunidade ao maior número posible de novos navegantes e que Galicia se converta nunha escala náutica estable nas rutas de navegación desde o norte de Europa.

 :