Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Galicia presenta no Grand Pavois de la Rochelle, en Francia, a súa proposta náutica “O Camiño do mar”

  • A presidenta de Portos de Galicia encabeza a participación galega no salón internacional para promocionar a peregrinación en barco neste Xacobeo 21-22.
  • A Xunta conta cun posto de promoción no evento ao que se suma a presenza das directivas de diversas marinas como o porto deportivo de Muxía e Sadamar.

 

La Rochelle, 28 de setembro de 2021.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, participa desde hoxe no salón náutico Grand Pavois que se celebra ata o vindeiro domingo na localidade francesa de La Rochelle con presenza e participación sectorial internacional. Susana Lenguas encabeza a delegación galega na feira, que conta cun stand conxunto de Portos e Turismo de Galicia con información promocional para atraer e fidelizar navegantes á comunidade así como coa presenza das directivas de varias marinas galegas como o porto deportivo de Muxía ou Sadamar.

A representante do ente dependente da Consellería do Mar presidirá mañá a ponencia O Camiño do mar, que mostrará as potencialidades do sistema portuario galego como porta de entrada a peregrinos que cheguen a Galicia por mar desde calquera punto do litoral europeo. Nesta exposición presentarase tamén a rede de portos deportivos galegos como portos xubileos, desde os que calquera navegante pode enlazar co Camiño de Santiago e chegar a Compostela neste Xacobeo 2021-2022.

Neste contexto, Galicia salientará que, fronte ao resto de destinos náuticos, é unha opción que ofrece aos navegantes a posibilidade de peregrinar por mar para gañar o xubileo e, no caso dos navegantes franceses, revivir a tradición do hexemónico Camiño Francés. Para facelo, os peregrinos por mar deben recorrer a vela un mínimo de 100 millas náuticas e facer a pé os últimos quilómetros ata a Catedral de Santiago.

Neste sentido, Portos de Galicia incidirá en que todos os peiraos deportivos de Galicia son portos xacobeos e neles o navegante pode selar a credencial de peregrino para presentala unha vez cheguen a Santiago co obxectivo de conseguir a Compostela.

A presidenta de Portos de Galicia está a aproveitar a súa presenza en La Rochelle para manter distintas reunións de traballo con operadores náuticos internacionais a fin de presentar a rede de portos deportivos galegos, recollidos na guía virtual www.guianauticadegalicia.gal. O obxectivo último da presenza neste salón é optimizar o reclamo do Xacobeo 21-22 para atraer a Galicia o maior número posible de novos navegantes e fidelizar a comunidade como escala náutica estable nas rutas de navegación desde o norte de Europa.