Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

A Xunta coordina co sector náutico-recreativo as accións de promoción de cara a 2022

  • Portos e Turismo de Galicia incidiron no esforzo da Administración galega por impulsar a actividade náutica vencellada ao turismo costeiro

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2021.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e a directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo cos representantes do sector náutico-recreativo da comunidade co obxectivo de facer balance das accións promocionais desenvolvidas ao longo deste ano e planificar a estratexia de reforzo da súa competitividade de cara a 2022, no marco do Xacobeo 2021-2022.

Precisamente, as representantes do Executivo autonómico incidiron na oportunidade que brinda a prolongación do Ano Santo ao vindeiro exercicio como elemento dinamizador do sector náutico e concretamente do turismo neste eido e ratificaron a aposta da Xunta pola promoción da peregrinación por mar. Deste xeito preténdese atraer a Galicia a navegantes de toda Europa que recalen nos portos autonómicos, identificados co símbolo da onda xacobea, para continuar desde alí a súa peregrinación por terra ata Compostela. 

Ademais, durante o encontro os representantes dos clubes náuticos e mariñas instaladas nos peiraos de titularidade autonómica avaliaron os resultados dos contactos de negocio  xerados nas feiras sectoriais ás que ambas institucións acudiron conxuntamente, en concreto o Southampton Boat Show de Reino Unido e o Grand Pavois de La Rochelle, en Francia. 

Portos e Turismo de Galicia tamén trasladaron a próxima participación no salón náutico de París o vindeiro mes de decembro e consensuaron cos participantes na reunión o calendario de eventos náuticos internacionais nos que Galicia ten previsto participar o vindeiro ano. Neste sentido, comunicaron a vontade de explorar o mercado do norte de Europa mediante a participación no salón Hiswa de Ámsterdam.