Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA, A CONFRARÍA DA GUARDA E CULTURMAR ASINAN UN CONVENIO PARA COLABORAR NO ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS

Santiago, 23 de maio de 2019.- O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa Confraría de Pescadores Santa Tecla, da Guarda e a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial –Culturmar-, para coordinar o impulso ao XIV Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia, que o colectivo organiza no municipio pontevedrés entre o día 11 e o 14 do vindeiro mes de xullo.

O encontro da frota tradicional galega celebrarase no peirao guardés e contará coa colaboración de Portos de Galicia, como administración responsable desta instalación. En base ao acordo asinado esta mañá na sé da confraría da Guarda, Portos de Galicia contribuirá ao evento mediante a instalación temporal dun pantalán adicional para as embarcacións participantes. 

O pantalán a instalar está formado por dous módulos de 12 metros de lonxitude e tres metros de ancho, unha pasarela de 20 metros de lonxitude e dous metros de ancho e o resto de elementos necesarios para a súa reinstalación en destino. O importe desta actuación será de arredor de 15.000 euros.