Publicador de contenidos
A xunta inviste 600.000 euros nas obras de dragaxe do porto de Cariño
O conselleiro do Mar visitou esta mañá a localidade para comprobar o desenvolvemento dos traballos que se atopan en execución.
- Alfonso Villares informou de que antes de final de ano comezarán tamén os traballos para dotar de iluminación natural o interior da nave de redes, como solicitaban as traballadoras
- Destacou o investimento previsto para a comarca de Ortegal nos Orzamentos de 2025 que contemplan actuacións por importe de 5,4 millóns de euros
Cariño (A Coruña), 22 de outubro de 2024.- A Xunta de Galicia está a investir 600.000 euros nas obras de dragaxe do porto do municipio coruñés de Cariño. Así o comunicou esta mañá o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, nunha visita á localidade para comprobar o desenvolvemento dos traballos que se atopan en execución.
Villares, que estivo acompañado na visita pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, explicou que os traballos deron comezo o pasado mes de setembro e permitirán extraer máis de 20.000 metros cúbicos de area para recuperar calado no porto de Cariño. En concreto actuarase en dúas zonas, a rampla de varada e a zona dos peiraos de atracada comercial interiores.
No tocante ao destino dos áridos extraídos da dragaxe, o titular de Mar explicou que parte da area utilizarase para a rexeneración das praias próximas, mentres que outra parte depositarase en alta mar, a unhas 7 millas do porto, no punto de depósito autorizado. O prazo de execución dos traballos é de 4 meses polo que se espera que as obras poidan rematar no vindeiro mes de xaneiro.
Ademais de referirse as obras de dragaxe, Villares comunicou que antes de final de ano darán comezo as obras para a mellora da iluminación da nave de redes. Estes traballos darán resposta a unha demanda das traballadoras que solicitaban contar con luz natural no interior da nave. Así mesmo, o conselleiro informou de que Portos de Galicia segue a traballar na tramitación das obras de reforzo do dique de abrigo de Cariño, pendente de dous informes solicitados ao Goberno central, que non tiveron resposta ata o momento. Finalmente indicou que nos vindeiros meses executaranse tamén os traballos de renovación das luminarias do porto, substituíndoas por tecnoloxía LED, nas que Portos de Galicia investirá 90.000 euros, e a renovación de firmes portuarios, á que se destinarán 20.000 euros máis.
Previsións para o vindeiro exercicio
Durante a súa visita a Cariño, o conselleiro do Mar destacou tamén o forte investimento que contempla a Xunta de Galicia para o conxunto da comarca de Ortegal. Alfonso Villares informou de que os orzamentos da súa Consellería para o vindeiro exercicio recollen unha partida de case medio millón de euros para a zona de modo que se comprometen actuacións por importe total de 5,4 millóns. Entre estas, destacou a estabilización do noiro de Barallobre e o reforzo do de Mugardos; a dragaxe no porto de Pontedeume e o balizamento da canle de acceso a Ortigueira.
Por fin, o conselleiro do Mar aludiu tamén ao orzamento global da Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia para o conxunto do sistema portuario de cara ao vindeiro exercicio 2024. Neste sentido, Villares destacou que as contas do Executivo autonómico contemplan un investimento total de 17,9 millóns para os portos de titularidade autonómica no vindeiro exercicio. Esta partida compromete actuacións cuxo importe total ascende a 108 millóns de euros para as 3 provincias costeiras.
Partidas xenéricas
Ademais destas partidas para obras singularizadas, os orzamentos recollen importantes investimentos xerais que abranguen a varios portos. É o caso da dotación de luminarias LED en 26 peiraos, cun orzamento de 3,6 millóns; as novas capas de pavimentos e firmes nos portos, que contarán con 1,8 millóns; ou a mellora das instalacións náuticas para a que se consigna 1,2 millóns de euros.