Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

O presidente de portos de galicia chama á colaboración leal de todas as administracións para axilizar a dragaxe do lérez

  • O proxecto atópase en fase de información pública para a presentación de alegacións e remisión de informes sectoriais ata finais de marzo.
  • As directrices que rexen para as dragaxes de todo o Estado establecen que os áridos de maior calidade, como é o caso, deben devolverse ao mar.

 

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2026.- O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, compareceu esta mañá na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo para informar sobre os avances na tramitación das obras de dragaxe do río Lérez no porto de Pontevedra. Álvarez Vidal fixo un chamamento á “colaboración leal de todas as administracións” para axilizar esta actuación “que dará resposta a unha demanda histórica do sector marisqueiro e portuario da ría de Pontevedra”.

Álvarez Vidal lembrou que o proxecto que permitirá recuperar calado na canle de acceso ao porto de Pontevedra e as dársenas do Club Naval e Corbaceiras, e mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros da ría, atópase en fase de información pública do estudio de impacto ambiental. Os interesados poderán presentar alegacións ata finais de marzo, cando rematará tamén o prazo para emisión dos informes sectoriais solicitados por Portos de Galicia a unha trintena de organismos e entidades, entre elas diversos departamentos da Administración Xeral do Estado, da Xunta e o Concello de Pontevedra.

Neste marco, José Antonio Álvarez, apelou á “responsabilidade de todas as administracións” nos informes que no seu caso teñen carácter preceptivo e vinculante e reclamou “un compromiso inequívoco e un criterio único” do Goberno central. A este respecto lembrou que nas pasadas semanas, Portos de Galicia recibiu dous informes do Ministerio de Pesca e da dirección xeral de Costas, do Ministerio de Transición Ecolóxica, que contradín o que recolle o informe emitido o pasado mes de agosto polo propio MITECO que establecía o punto de depósito dos áridos. Este último indicaba o punto B, a 1,8 quilómetros cara ao exterior do E8 e máis de 100 metros de profundidade, para as dragaxes da ría de Pontevedra. Fronte a isto, o informe do Ministerio de Pesca establece a súa preferencia polo E8 e o informe de Costas do Estado apunta que poden utilizarse indistintamente un ou outro. 

 

Material de categoría A

Na súa intervención, o presidente de Portos de Galicia insistiu en que todos os mostreos realizados para coñecer a composición dos áridos que se extraerán establece que se trata de area de categoría A, a de maior calidade. Estas catas foron validadas polos informes técnicos tanto do CEDEX como da Dirección xeral de Costas do Estado e da Dirección xeral de Biodiversidade, ambos do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Neste sentido lembrou que ao longo de toda a tramitación realizáronse catro campañas de mostreo nos anos 2009, 2015, 2020 e 2024 e chamou a respectar o criterio técnico que establece a categoría do material así como a normativa que rexe para todas as dragaxes do Estado que indican que no caso de materiais de categorías A e B o seu uso prioritario debe ser o produtivo.

 

Plan de vixilancia ambiental

Ademais, José Antonio Álvarez, explicou que esta actuación contará cun Programa de Vixilancia ambiental que se desenvolverá con carácter previo á obra e durante a súa execución e para o que se destinan 400.000 euros. Establecerase, ademais, un Plan de xestión de interesados, que inclúa ao sector marisqueiro, as administracións competentes e os clubs recreativos, entre outros actores relevantes, coa fin de asegurar unha comunicación transparente, fluída e sistemática durante toda a execución das obras.

Finalmente, o presidente de Portos de Galicia ratificou o compromiso da Xunta de Galicia por seguir avanzando no proxecto de cara a poder licitalo a finais de 2026 e iniciar os traballos no ano 2027. Con este fin, insistiu tamén en solicitar “coherencia” nas respostas aos informes sectoriais e “que se faga en prazo para non continuar alongando a tramitación logo da parálise derivada da decisión do Miteco en 2021 de clausurar o punto de vertido que agora de novo os propios técnicos do Ministerio validan”.