Publicador de contenidos
PORTOS DE GALICIA DEMOLERÁ AS NAVES EN DESUSO DO PEIRAO NORTE DE CELEIRO A PETICIÓN DA CONFRARÍA DE PESCADORES
- Natalia Botana anunciou nunha reunión co sector profesional de Viveiro a inclusión desta obra nos próximos orzamentos do ente público para a súa execución en 2027.
Viveiro (Lugo), 16 de setembro de 2026.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, demolerá as naves en desuso situadas no peirao norte do porto de Celeiro, no municipio lucense de Viveiro. Así o anunciou esta mañá a presidenta do ente público, Natalia Botana, nunha visita ao porto de Celeiro na que se reuniu coa confraría de pescadores que viña reclamando este derrube.
Durante o seu encontro co patrón maior de Celeiro, Domingo Seijas, Botana confirmou que os orzamentos de Portos de Galicia para 2027, que o ente público está a ultimar nestes días, recollerá a execución desta actuación durante o vindeiro exercicio. En concreto, procederase a demoler as naves da antiga fábrica de xeo, cámaras e concesións de tratamento de peixe, que se atopan abandonadas, tal como demandaba a confraría.
Durante a reunión, a presidenta de Portos de Galicia e o patrón maior de Celeiro abordaron tamén outras propostas dos profesionais que operan nesta dársena. Entre elas, destacaron a actuación de saneamento do peirao norte -incluíndo a canalización de servizos e urbanización da fronte dos departamentos- que se licitará nos vindeiros meses, ou a revisión de instalacións menores como escaleiras e varandas.
Grupo Puerto de Celeiro
Despois do encontro coa confraría de pescadores, Natalia Botana visitou tamén as instalacións do grupo Puerto de Celeiro, que reúne a empresas e armadores que traballan pola competitividade da flota. Durante a súa reunión coa directiva avanzaron en propostas de compatibilidade de usos do solo portuario para diferentes actividades.