Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de Galicia destaca a necesidade da colaboración dos concellos para abrir novas zonas á pesca recreativa nos peiraos.

A presidenta do ente público respondeu a unha pregunta na Comisión 8ª do Parlamento.

 

  • Susana Lenguas subliñou que se trata dunha actividade de ocio veciñal totalmente allea á actividade portuaria que require establecer cos municipios un especial control e vixilancia sobre estas zonas.
  • Salientou o esforzo do ente público para integrar esta actividade mantendo contacto cos colectivos representantes dos pescadores recreativos e poder levantar total ou parcialmente unha prohibición que rexía desde os anos 70 en todos os portos.

 

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2022.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, puxo de relevo hoxe no Parlamento a necesidade de colaboración dos concellos para poder ampliar as zonas autorizadas á pesca recreativa pois trátase dunha actividade de ocio veciñal totalmente allea á actividade portuaria nas que resulta preciso establecer un especial control e vixilancia sobre estas zonas.

Ademais engadiu que Portos dá por feito o compromiso dos Concellos despois de que os representantes municipais fosen os abandeirados de moitas das solicitudes de apertura de novas zonas. De aí a proposta de convenio cos concellos para poder aumentar as zonas autorizadas para dar garantías ás persoas que practican esta actividade de ocio.

En base ás 41 solicitudes recibidas, relativas a 31 dársenas, o ente público propón o incremento de zonas e horarios permitidos para esta actividade en 29 portos, o que achegaría a preto do 90% do sistema portuario o levantamento da prohibición vixente desde 1970.

Deles, en catro amplíanse os tramos sen necesidade de someterse a ningún requisito engadido aos que xa rexían e nos 25 restantes ofrece esta posibilidade condicionada ao apoio en materia de vixilancia e control por parte dos Concellos. Destes 25, en dez deles rexe o convenio de colaboración e 15 polo momento non aceptaron as condicións. Entre estes 15 estase a dialogar con Bueu, Baiona e Moaña. Todos estes municipios, expuxo Susana Lenguas, son coñecedores das posibilidades de ampliación das zonas , xa que foron informados por Portos de Galicia en abril de 2022.

Nesta liña, a presidenta do ente público subliñou o esforzo realizado pola Xunta para integrar esta actividade mantendo contacto cos colectivos representantes dos pescadores recreativos. Ademais, Susana Lenguas lembrou que se flexibilizaron os prazos de alegacións para modificar a normativa en base á experiencia recadada da súa aplicación práctica e da actividade portuaria. Nesta sentido, sinalou que desde o principio o Executivo galego defendeu que se trata dunha normativa viva e que permitiu levantar total ou parcialmente unha prohibición vixente desde 1970.