Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de galicia e o concello da Pobra do Caramiñal acordan a proposta para a reversión ao estado de terreos innecesarios para a actividade portuaria

  • O presidente do ente público reuniuse co alcalde para avaliar a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade do Estado e no seu caso traslarse aos Concellos en base aos criterios técnicos consensuados coa FEGAMP.
  • A zona afectada abrangue os xardíns Valle inclán, a Praza Maior e o Parque do Castelo así como un pequeno aparcadoiro solicitado polo Concello.
  • Mañá celebrarase unha reunión co rexedor da Guarda, logo das outras mantidas esta semana con Cangas e Vilanova de Arousa para incluír estas propostas, xunto coa de Santa Cruz (Oleiros) na primeira fase do proceso que o Consello da Xunta trasladará ao Goberno central para a súa aprobación en Consello de Ministros.

 

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro e 2024.- Portos de Galicia e o Concello da Pobra do Caramiñal acordaron esta mañá a proposta definitiva para a reversión ao Estado dos terreos declarados innecesarios para a actividade portuaria no municipio. Así quedou de manifesto na reunión celebrada esta mañá entre o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e o alcalde da Pobra, na sede do organismo portuario.

No encontro de traballo ambas administracións consensuaron a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade da Administración Xeral do Estado para que esta o transfira ao Concello da Pobra do Caramiñal dado o seu uso veciñal, de carácter público, e non restrinxido á actividade portuaria. A proposta acordada baséase en criterios estritamente técnicos que foron ratificados coa Fegamp na recente reunión entre o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias.

En concreto no caso do porto da Pobra os terreos situados actualmente en dominio público portuario que a Xunta de Galicia proporá devolver ao Estado para a súa posterior transferencia ao Concello son os que acollen os xardíns Valle Inclán, a Praza Maior e o Parque do Castelo. Así mesmo únese unha pequena zona de uso de aparcadoiro a petición do Concello.

A reunión co Concello da Pobra do Caramiñal dá continuidade ás celebradas no mes de decembro cos concellos de Cangas, Vilanova de Arousa, Foz e a A Guarda, para abordar a tramitación da primeira fase de reversións de terreos innecesarios para o uso portuario á Administración Xeral do Estado. O obxectivo é pechar as propostas definitivas destes portos para trasladalas, xunto coa de Santa Cruz, en Oleiros, xa pechada dado que inclúe o total da superficie portuaria, á Consellería de Facenda, que a elevará a proposta conxunta desta primeira fase ao Consello da Xunta. Unha vez aprobada polo Executivo galego, remitirase ao Ministerio de Transición Ecolóxica para a súa tramitación e, no seu caso, aprobación final en Consello de Ministros.