Publicador de contenidos
Portos de Galicia e o concello de Cangas acordan a proposta definitiva para a reversión ao estado de terreos innecesarios para a actividade portuaria
- O presidente do ente público reuniuse coa alcaldesa para avaliar a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade da Administración Xeral do Estado e, no seu caso, transferirse aos Concellos en base aos criterios técnicos consensuados coa FEGAMP
- A zona afectada coincide co solo que acolle o mercado de abastos e a alameda vella, cumprindo integramente coas demandas expostas pola administración local
- Ao longo desta semana celebraranse reunións no mesmo sentido cos rexedores de Vilanova de Arousa e Foz para incluír estas propostas, xunto coa de Santa Cruz (Oleiros) na primeira fase do proceso que o Consello da Xunta trasladará ao Goberno central para a súa aprobación en Consello de Ministros.
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2024.- Portos de Galicia e o Concello de Cangas veñen de acordar a proposta definitiva para a reversión ao Estado dos terreos declarados innecesarios para a actividade portuaria no municipio. Así quedou de manifesto na reunión celebrada esta mañá entre o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e a alcaldesa de Cangas, na sede do organismo portuario.
No encontro de traballo ambas administracións consensuaron a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade da Administración Xeral do Estado para que esta o transfira ao Concello de Cangas dado o seu uso veciñal, de carácter público, e non restrinxido á actividade portuaria. A proposta acordada baséase en criterios estritamente técnicos que foron ratificados coa Fegamp na recente reunión entre o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias.
En concreto no caso do porto de Cangas os terreos situados actualmente en dominio público portuario que a Xunta de Galicia proporá devolver ao Estado para a súa posterior transferencia ao Concello son os que acollen o mercado de abastos e a alameda vella do municipio. Esta delimitación da cumprimento integramente á solicitude presentada pola administración local a Portos de Galicia.
A reunión co Concello de Cangas é a primeira celebrada por Portos de Galicia para abordar a tramitación da primeira fase de reversións de terreos innecesarios para o uso portuario á Administración Xeral do Estado. Ao longo desta semana celebraranse encontros de traballo no mesmo sentido cos alcaldes de Vilanova de Arousa e Foz. O obxectivo é pechar as propostas definitivas destes portos para trasladalas, xunto coa de Santa Cruz, en Oleiros, xa pechada dado que inclúe o total da superficie portuaria, á Consellería de Facenda, que a elevará a proposta conxunta desta primeira fase ao Consello da Xunta. Unha vez aprobada polo Executivo galego, remitirase ao Ministerio de Transición Ecolóxica para a súa tramitación e, no seu caso, aprobación final en Consello de Ministros.
Procesos á espera de resposta do Estado
Neste sentido, a Xunta subliña que se trata dun proceso longo pola súa complexidade que cuxa dilatación dependerá en boa medida da axilidade da Administración Xeral do Estado en resolver a aprobación da proposta. Non en van, a día de hoxe algúns procesos xa iniciados de manera individualizada anteriormente levan máis de 10 anos en tramitación, pendentes da decisión do Estado, como é o caso da praia de Cariño, a instalación portuaria de Ponteceso ou a zona de praia e recreativa de Porto do Son.
Poden descargar a documentación a través do seguinte enlace: