Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de galicia e o concello de Foz acordan a proposta definitiva para a reversión ao estado de terreos innecesarios para a actividade portuaria

  • O presidente do ente público reuniuse co alcalde para avaliar a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade do Estado e no seu caso trasladarse aos Concellos en base aos criterios técnicos consensuados coa FEGAMP.
  • A zona afectada abrangue a explanada sur entre a piscina e o Club Kayak, o que supón o 70% da superficie solicitada polo Concello e reserva os terreos precisos para a remodelación recollida nos Orzamentos da Xunta con 4,5 millóns.
  • Mañá celebrarase unha reunión co rexedor da Guarda, logo das outras mantidas esta semana con Cangas e Vilanova de Arousa para incluír estas propostas, xunto coa de Santa Cruz (Oleiros) na primeira fase do proceso que o Consello da Xunta trasladará ao Goberno central para a súa aprobación en Consello de Ministros.

 

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2024.- Portos de Galicia e o Concello de Foz veñen de acordar a proposta definitiva para a reversión ao Estado dos terreos declarados innecesarios para a actividade portuaria no municipio. Así quedou de manifesto na reunión celebrada esta mañá entre o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e o alcalde focense.

No encontro de traballo ambas administracións consensuaron a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade da Administración Xeral do Estado para que esta o transfira ao Concello de Foz dado o seu uso veciñal, de carácter público, e non restrinxido á actividade portuaria. A proposta acordada baséase en criterios estritamente técnicos que foron ratificados coa Fegamp na recente reunión entre o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias.

En concreto no caso do porto de Foz os terreos situados actualmente en dominio público portuario que a Xunta de Galicia proporá devolver ao Estado para a súa posterior transferencia ao Concello abranguen a zona da explanada sur entre a piscina e o Club Kayak. Esta delimitación supón o 70% da superficie demandada polo Concello, quedando exceptuadas zonas necesarias para o desenvolvemento portuario non só a curto senón tamén a medio e longo prazo.

Neste sentido, o presidente de Portos de Galicia lembrou que a Xunta contempla nos seus orzamentos para 2025 un investimento plurianual de 4,5 millóns para a remodelación das instalacións portuarias focense co obxectivo de potenciar a actividade portuaria. A primeira fase deste proxecto contempla unha dragaxe da dársena que se atopa en tramitación ambiental á espera desde hai máis dun ano de que o Ministerio de Transición Ecolóxica emita os informes favorables. En concreto trátase dos informes de avaliación ambiental e de compatibilidade coas estratexias mariñas.

Outros portos incluídos na primeira fase

A reunión co Concello de Foz deu continuidade ás mantidas esta semana cos rexedores de Cangas e Vilanova de Arousa. Mañá o presidente de Portos de Galicia reunirase co alcalde da Guarda para continuar avanzando na primeira fase do proceso de reversións de terreos innecesarios para o uso portuario á Administración Xeral do Estado. O obxectivo é pechar as propostas definitivas destes portos para trasladalas, xunto coa de Santa Cruz, en Oleiros, xa pechada dado que inclúe o total da superficie portuaria, á Consellería de Facenda, que a elevará a proposta conxunta desta primeira fase ao Consello da Xunta. Unha vez aprobada polo Executivo galego, remitirase ao Ministerio de Transición Ecolóxica para a súa tramitación e, no seu caso, aprobación final en Consello de Ministros.