Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA E O CONCELLO DE MUGARDOS ACORDAN A PROPOSTA PARA A REVERSIÓN AO ESTADO DE TERREOS INNECESARIOS NO PEIRAO

  • O presidente do ente público reuniuse co alcalde para avaliar a proposta de devolve ao Estado a zona de Punta Ratón e no seu caso trasladarse ao Concello en base aos criterios técnicos consensuados coa FEGAMP.
  • O ente público autorizará a utilización da Casa do Reloxo como oficina de información turística.

 

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025.- Portos de Galicia e o Concello de Mugardos, acordaron esta mañá a proposta definitiva para a reversión ao Estado dos terreos declarados innecesarios para a actividade portuaria no municipio. Así quedou de manifesto na reunión celebrada esta mañá entre o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e o alcalde mugardés na sede do organismo portuario.

No encontro de traballo ambas administracións consensuaron a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade da Administración Xeral do Estado para que esta o transfira ao Concello de Mugardos dado o seu uso veciñal, de carácter público, e non restrinxido á actividade portuaria. A proposta acordada baséase en criterios estritamente técnicos que foron ratificados previamente polo conselleiro do Mar coa Fegamp.

En concreto no caso do porto de Mugardos os terreos situados actualmente en dominio público portuario que a Xunta de Galicia proporá devolver ao Estado para a súa posterior transferencia ao Concello correspóndense coa explanada de Punta Ratón.

A reunión co Concello de Mugardos dá continuidade á celebrada días atrás cos do Grove, Poio, Rianxo, Laxe, Vilagarcía e A Illa de Arousa, dentro da segunda fase do procedemento de reversións, logo de que a Xunta remitise no mes de abril a Costas do Estado a declaración de innecesariedade dos terreos dos 10 portos que se incluíron na primeira fase. Tras a ratificación polo Consello Reitor, a proposta trasládase á Consellería de Facenda para a súa elevación ao Consello da Xunta. Unha vez aprobadas polo Executivo galego, remitiranse ao Ministerio de Transición Ecolóxica para a súa tramitación e, no seu caso, aprobación final.

 

Outras actuacións

Durante a reunión de traballo o presidente de Portos de Galicia e o alcalde de Mugardos analizaron tamén outras propostas para a mellora das infraestruturas portuarias. En concreto falaron de posibles melloras para o paseo marítimo que, en todo caso, seguirá mantendo a circulación rodada por necesidades da operativa portuaria. Así mesmo, ratificaron que o Concello contará coa autorización para a utilización da Casa do Reloxo como oficina de información turística xa este verán.