Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de Galicia e o concello de Vilanova acordan a proposta definitiva para a reversión ao estado de terreos innecesarios para a actividade portuaria

  • O presidente do ente público reuniuse co alcalde arousán para avaliar a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade da Administración Xeral do Estado e, no seu caso, transferirse aos Concellos en base aos criterios técnicos consensuados coa FEGAMP
  • A zona afectada abrangue todas as zonas axardinadas e parques na contorna do paseo marítimo, cumprindo coa demanda da administración local
  • Logo desta reunión e a do Concello de Cangas onte, esta semana celebraranse outros encontros de traballo no mesmo sentido co rexedor de Foz e A Guarda para incluír estas propostas, xunto coa de Santa Cruz (Oleiros), na primeira fase do proceso que o Consello da Xunta trasladará ao Goberno central para a súa aprobación en Consello de Ministros.

 

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2024.- Portos de Galicia e o Concello de Vilanova de Arousa veñen de acordar a proposta definitiva para a reversión ao Estado dos terreos declarados innecesarios para a actividade portuaria no municipio. Así quedou de manifesto na reunión celebrada esta mañá entre o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, e o alcalde vilanovés, na sede do organismo portuario.

No encontro de traballo ambas administracións consensuaron a delimitación do solo susceptible de volver á titularidade da Administración Xeral do Estado para que esta o transfira ao Concello de Vilanova de Arousa dado o seu uso veciñal, de carácter público, e non restrinxido á actividade portuaria. A proposta acordada baséase en criterios estritamente técnicos que foron ratificados coa Fegamp na recente reunión entre o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias.

En concreto, no caso do porto de Vilanova os terreos situados actualmente en dominio público portuario que a Xunta de Galicia proporá devolver ao Estado para a súa posterior transferencia ao Concello abranguen todas as zonas axardinadas e parques que se sitúan na contorna do paseo marítimo. Esta proposta da cumprimento á solicitude da administración local a Portos de Galicia.

A reunión co Concello de Vilanova de Arousa dá continuidade á mantida onte no mesmo sentido co Concello de Cangas para abordar a tramitación da primeira fase de reversións de terreos innecesarios para o uso portuario á Administración Xeral do Estado. Mañá celebrarase un novo encontro de traballo no mesmo sentido co alcalde de Foz e o venres co da Guarda. O obxectivo é pechar as propostas definitivas destes portos para trasladalas, xunto coa de Santa Cruz, en Oleiros, xa pechada dado que inclúe o total da superficie portuaria, á Consellería de Facenda, que a elevará a proposta conxunta desta primeira fase ao Consello da Xunta. Unha vez aprobada polo Executivo galego, remitirase ao Ministerio de Transición Ecolóxica para a súa tramitación e, no seu caso, aprobación final en Consello de Ministros.

 

Mais de 300.000 euros para LED

Durante a reunión desta mañá, o presidente de Portos de Galicia trasladou ao al alcalde de Vilanova de Arousa o próximo inicio das obras de renovación de luminarias portuarias e substitución por tecnoloxía LED con control telemático no peirao vilanovés. Portos de Galicia inclué esta actuación nun plan global dotado de 3 millóns de euros para estas tarefas en preto dunha trintena de peiraos autonómicos. No caso de Vilanova o investimento que se realizará será o maior de Galicia e ascende a máis de 300.000 euros.

 

Poden descargar a documentación a través do seguinte enlace: