Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de Galicia executa melloras no porto de muxía por importe de máis de 360.000 euros

  • A presidenta de Portos de Galicia visitou as obras de reposición da envolvente da lonxa e dotación de defensas e escadas.

Muxía (A Coruña), 17 de novembro de 2021.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a investir máis de 360.000 euros en dúas obras de mellora das instalacións portuarias de Muxía. Así o comunicou a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita esta mañá á zona para comprobar o desenvolvemento de ambas actuacións, que se atopan en execución.

Susana Lenguas, que estivo acompañada por membros da directiva da confraría de pescadores local e representantes municipais, visitou os traballos de reposición da envolvente da lonxa así como a dotación de defensas e escadas. Ambas actuacións están orientadas á mellora das condicións de traballo dos profesionais do porto de Muxía.

No caso da envolvente da lonxa, trátase da renovación da cuberta do edificio así como o revestimento da fachada de panel de chapa metálica. As planchas actuais serán substituídas por panel sándwich para garantir a súa impermeabilización. Ademais, na cuberta intercalaranse paneis translúcidos para permitir a entrada de luz natural ao edificio. Finalmente, renovaranse tamén os canlóns e algúns elementos auxiliares.

A presidenta de Portos de Galicia explicou que esta actuación se inclúe dentro do plan de renovación de envolventes de edificios portuarios que o ente público está levando a cabo en diversos portos de titularidade autonómica.

Polo que respecta á dotación de defensas e escadas, esta obra atópase na súa fase final e consiste na instalación de 15 defensas no peirao da lonxa e 10 na atracada da fábrica de xeo. Ademais substitúense as escadas de madeira por outras de gato de aceiro inoxidable.

Outras actuacións

Susana Lenguas lembrou durante a súa visita que as dúas obras en execución no porto de Muxía súmanse a outra executada nos últimos meses para a renovación do pavimento do bordo portuario, cun investimento de 50.000 euros, así como ás actuacións previstas de inicio inminente para a reposición de varandas. Estes últimos traballos inclúense dentro do contrato global para a substitución destes elementos en máis da metade dos portos autonómicos, por importe total de 153.000 euros. “Estamos a falar polo tanto de máis de 400.000 euros destinados a obras executadas en Muxía en 2021”, subliñou a presidenta de Portos de Galicia.