Publicador de contenidos
PORTOS DE GALICIA OFRECE AO CONCELLO DE FOZ O EDIFICIO DE DEPORTES NÁUTICOS E UN PANTALÁN DE XEITO GRATUITO
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2025.- Portos de Galicia está a tramitar unha concesión administrativa a favor do Concello de Foz, na Mariña de Lugo, para a explotación do edificio de deportes náuticos do municipio destinado á actividade de formación e adestramento, principalmente de piragüismo. O ente público remitiu o ofrecemento de condicións ao Concello no que se inclúe tamén o pantalán flotante desmontable para uso dos deportistas.
O título administrativo contemplará a aplicación do artigo 40 da Lei de Taxas de Portos de Galicia para a exención do 100 % das taxas ás corporacións locais cando desenvolvan actividades que se encadren entre as súas finalidades públicas e estas non sexan obxecto de explotación económica.
Deste xeito, o Concello de Foz, e o club Kaiak –principal usuario das instalacións-, que participa en competicións a nivel provincial, autonómico e nacional, poderán utilizar de xeito gratuíto o edificio de máis de 1.300 metros cadrados de superficie, así como o pantalán. Esta medida permite un aforro ás arcas municipais case 40.000 euros, que sería o importe que correspondería á ocupación sen exención.