Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de galicia presenta o proxecto de adecuación e humanización do acceso ao porto de raxó, que recolle actuacións en solo municipal

  • A presidenta de Portos de Galicia e o delegado territorial do Executivo galego en Pontevedra deron a coñecer ao Concello de Poio, a confraría e outras entidades locais as modificacións realizadas na proposta técnica inicial co obxecto de satisfacer as demandas dos participantes na última reunión.

 

Pontevedra, 6 de abril de 2022.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentaron esta mañá ao Concello de Poio, a confraría de pescadores e outras entidades locais as modificacións acordadas na anterior reunión sobre o proxecto definitivo de adecuación e humanización do tramo inicial do acceso ao porto de Raxó, para o que será necesaria a posta a disposición de solo de titularidade do Concello. Deste xeito o ente público dá cumprimento ao compromiso acadado coas partes na xuntanza precedente de presentar unha nova distribución de beirarrúas segundo as peticións manifestadas polas entidades.

Os representantes do Executivo autonómico deron a coñecer na reunión, celebrada na sede da delegación na capital pontevedresa, as posibles modificacións ao proxecto redactado por Portos de Galicia, que conta cun investimento de 18.000 euros e cuxa execución está vencellada ao acordo co Concello.

O obxectivo último deste proxecto, cun orzamento inicial, sen as variantes, de 630.000 euros, pasa por reordenar a circulación peonil e rodada na vía de acceso ao porto de Raxó e redistribuír os espazos. A proposta pretende humanizar a vía, con criterios máis amables para os peóns e inclúe a rede de instalación de servizos urbanos, tal como comprometera o ente público nas distintas reunións mantidas cos representantes municipais de Poio.

Ademais das accións de ordenación do tráfico que xa se recollían na proposta presentada inicialmente, Portos de Galicia vén de integrar a demanda de actuar de xeito xeral nas beirarrúas que se atopan fóra do solo de competencia do ente público, mellorando un itinerario peonil, separado do tránsito rodado, desde a estrada xeral ata o paseo do porto.

Ao proxecto presentado pola Xunta, que busca o consenso coas partes implicadas, incorpórase a proposta abordada no encontro de empregar formigón na vía de acceso ao porto así como unha pedra de bordo xunto ás fachadas. Precisamente, para valorar tanto estes cambios como os posibles incrementos de prezo rexistrados desde a redacción do proxecto inicial, Portos de Galicia elaborará un novo orzamento da obra que será trasladado ao Concello para establecer os criterios de financiamento.

Unha vez cumprido o compromiso por parte da Administración autonómica, Portos de Galicia insta ao Concello de Poio á colaboración institucional necesaria para poder executar a obra toda vez que se trata dun proxecto que, malia ser elaborado polo ente público autonómico, inclúe a adecuación e renovación de redes municipais de servizos e repercutirá nunha mellora da calidade do tránsito no porto en beneficio de todos os veciños.