Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de Galicia tramita melloras para o porto de Ribadeo por valor de 200.000 euros

  • Portos de Galicia ten comprometido para os vindeiros meses a renovación de máis dun cento de luminarias con tecnoloxía LED e reposicións do firme no peirao deportivo e a dársena pesqueira.

 

Ribadeo (Lugo), 30 de xaneiro de 2023.- Portos de Galicia, ten comprometidas melloras para o porto de Ribadeo por importe de 200.000 euros. Así o confirmou a presidenta do ente público, Susana Lenguas, esta mañá nunha visita ao porto lucense.

A representante autonómica explicou que estas instalacións atópanse incluídas no contrato que Portos de Galicia ten en fase final de licitación para a renovación de luminarias con tecnoloxía LED en diversas dársenas de todo o litoral galego. No caso do porto de Ribadeo investiranse 118.000 euros na inspección e renovación de 107 luminarias e dotaranse da tecnoloxía necesaria para permitir o seu control telemático.

Así mesmo, a presidenta de Portos explicou que este é tamén un dos portos beneficiarios do contrato global do ente público para a renovación de pavimentos deteriorados en diversas dársenas costeiras. En concreto, en Ribadeo reporase o firme na contorna do varadoiro –no porto deportivo– así como na da lonxa –na dársena pesqueira–. Esta actuación suporá un orzamento de 96.000 euros.

 

Plan de dragaxe

Durante a súa visita a Ribadeo, Susana Lenguas deu conta dos avances na tramitación dun proxecto de grande envergadura para a localidade como é o plan de dragaxe, que contempla a dragaxe inicial do porto para a recuperación de calado así como posteriores limpezas de mantemento. Esta obra conta cun orzamento estimado de 2 millóns de euros e o proxecto está xa redactado en fase de supervisión.