Publicador de contenidos
VILLAVERDE E FEGAPEMAR ABORDAN OS PRINCIPAIS ASUNTOS DE INTERESE DOS AFECCIONADOS Á PESCA RECREATIVA
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2025.- A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo un encontro con representantes da Federación Galega de Pesca Marítima Responsable y Náutica de Recreo (Fegapemar) para abordar os principais asuntos de interese do colectivo. Na reunión a responsable autonómica trasladou a máxima colaboración da Administración autonómica para artellar solucións que permitan atender as necesidades dos afeccionados e ordenar esta actividade na comunidade. No horizonte, está a aplicación do regulamento europeo sobre o control dixital da pesca.
A responsable autonómica, acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, subliñou a importancia de establecer un marco no que se poidan desenvolver a actividade profesional e recreativa dun xeito equilibrado co obxectivo de garantir a explotación sostible dos recursos mariños. Nesta liña, puxo en valor a importancia de que exista un diálogo fluído entre os principais axentes afectados coa finalidade de configurar medidas técnicas máis adecuadas e eficaces para regular a ambas actividades.