Publicador de contenidos
Villaverde traslada ás confrarías da ría de pontevedra os principais beneficios do proxecto de dragaxe do Lérez
- A conselleira do Mar mantivo unha reunión cos colectivos profesionais que traballan na zona e que serán principais beneficiarios das obras nas que a Xunta investirá 11,9 millóns.
Pontevedra, 3 de febreiro de 2026.- A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo esta mañá unha reunión coas confrarías que desenvolven a súa actividade extractiva na ría de Pontevedra e que serán beneficiarias das obras de dragaxe do río Lérez e a canle de acceso ao porto de Pontevedra, que está a tramitar Portos de Galicia. A conselleira, que estivo acompañada polo presidente do ente público, José Antonio Álvarez, trasladou aos colectivos profesionais os beneficios desta actuación e todas as garantías para os intereses do sector marisqueiro que se recollen no proxecto, no que a Xunta investirá 11,9 millóns de euros.
Villaverde deu conta dos novos avances na tramitación, toda vez que a Xunta aprobou xa o proxecto básico das obras e iniciou o período de información pública no que, durante 30 días contados desde hoxe, os interesados poderán consultar o proxecto e o estudio de impacto ambiental e presentar as súas alegacións. A conselleira asegurou que se trata dun “avance substancial” para sacar adiante esta demanda recorrente das confrarías de Lourizán, Raxó e Pontevedra, así como do Club Naval, o Concello de Pontevedra e o Parlamento de Galicia por acordo unánime. En paralelo ao prazo de alegacións, Portos de Galicia solicitará os informes técnicos preceptivos á administración estatal, autonómica e local co obxectivo de poder iniciar a execución das obras en 2027.
Na reunión coas confrarías beneficiarias, Villaverde lembrou que a dragaxe do Lérez permitirá, ademais da recuperación de calado nos peiraos do Club Naval e As Corbaceiras, contribuír á rexeneración dos bancos marisqueiros da bocana da ría. Ademais, engadiu que para poder executar estes traballos con garantías de protexer o recurso marisqueiro e o medio ambiente, a Xunta inclúe no texto un plan de vixilancia ambiental, ao que destinará 400.000 euros, para velar polo cumprimento dos requisitos de respecto ao medio antes e durante a execución da obra. Así mesmo, contémplase un plan de xestión de interesados, que inclúe ao sector marisqueiro, as administracións competentes e os clubs recreativos, entre outros actores relevantes, co fin de asegurar unha comunicación transparente, fluída e sistemática durante toda a execución das obras.
Villaverde concluíu que estas garantías son a proba de que a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, traballa no proxecto de dragaxe do Lérez “polo sector profesional marisqueiro e da súa man”, motivo polo que a Xunta agarda poder, por fin, superar o trámite de información pública e redactar o proxecto definitivo para licitar e executar as obras.
500.000 metros cúbicos de area categoría A
Tal como recolle o proxecto, a dragaxe levarase a cabo integramente dentro do dominio público portuario do porto de Pontevedra e As Corbaceiras, afectando a unha lonxitude de 4,5 km e unha área total de 309.130 metros cadrados, da que se retirarán máis de 500.000 metros cúbicos de áridos.
O material dragado depositarase na zona validada polo Ministerio de Transición Ecolóxica –administración competente- denominada zona B, no exterior da ría de Arousa, que se atopa a 20 millas náuticas da zona máis exterior de actuación e a 24 da máis interior. O ámbito da dragaxe non se atopa dentro de ningún espazo protexido e os áridos que se extraerán están clasificados todos eles como categoría A –a de máis alta calidade- por diversas caracterizacións realizadas nos anos 2009, 2015, 2020 e 2024.