Publicador de contenidos
A CONSELLERÍA DO MAR PON A DISPOSICIÓN DAS CONFRARÍAS DE PESCADORES DA RÍA DE PONTEVEDRA A AREA DO LÉREZ PARA A REXENERACIÓN DOS BANCOS MARISQUEIROS
- A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e o presidente de Portos de Galicia reuníronse cos patróns maiores do ámbito da dragaxe para expoñer a posibilidade de aproveitamento dos materiais de máis alta calidade
- A Xunta axiliza con esta xestión a tramitación dunha obra que conta con 3 millóns de euros consignados nos orzamentos autonómicos pero que se atopa paralizada polo Ministerio, competente para autorizar o punto de vertido
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2025.- A Consellería do Mar pon a disposición das confrarías de pescadores da ría de Pontevedra os áridos de maior calidade ambiental que se van extraer coas obras de dragaxe do Lérez para a rexeneración dos bancos marisqueiros da contorna. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, e o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo co presidente da Federación provincial de confrarías de pescadores de Pontevedra e os patróns maiores de Lourizán, Raxó e Pontevedra para expoñerlles esta posibilidade.
Os representantes do Executivo autonómico estiveron acompañados polo persoal técnico da Consellería, concretamente enxeñeiros de Portos e biólogos, que expuxeron as posibilidades de aproveitamento dos materiais de categoría A, a de maior calidade ambiental, e os seus posibles usos en beneficio dos recursos marisqueiros. Unha vez informadas todas as entidades beneficiarias da dragaxe corresponderalles a elas decidir sobre o aproveitamento dos áridos, cuxo excedente en todo caso será depositado en altamar no punto que debe autorizar o Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco).
Con esta xestión, a Xunta de Galicia axiliza a tramitación previa das obras de dragaxe do Lérez dentro das súas competencias, á espera de que o Miteco determine o punto de vertido dos áridos en altamar. O punto tradicionalmente empregado e previsto para esta actuación, o punto E8, no exterior de Sálvora, foi suspendido hai 4 anos polo Ministerio, organismo ambiental competente, paralizando con esta decisión 16 actuacións de dragaxe nas Rías Baixas, entre elas a do Lérez.
3 millóns en Orzamentos
Pese a esta decisión, o recente informe do CEDEX, organismo técnico de alto prestixio dependente do propio Miteco informou a principios deste mes de abril de que dito punto debe ser considerado “alternativa prioritaria” para o depósito de áridos de dragaxes. Dito informe foi remitido ao Ministerio para que en exercicio da súa competencia estableza o punto de vertido que a Xunta debe empregar para a dragaxe do Lérez, unha obra que conta xa con consignación orzamentaria de 3 millóns de euros por parte de Portos de Galicia.