Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

A CONSELLERÍA DO MAR PREVÉ REMATAR A REPOSICIÓN DA CUBERTA DOS DEPARTAMENTOS DO PORTO DE FISTERRA PARA A PRÓXIMA PRIMAVERA

  • Marta Villaverde visitou a dársena para informar do investimento de 320.000 euros por parte de Portos de Galicia na renovación desta infraestrutura que mellora as condicións de traballo dos profesionais do mar
  • A responsable autonómica deu a coñecer outras actuacións previstas por Portos de Galicia na Costa da Morte que se inclúen nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2026 cuxo importe plurianual supera os 20 millóns de euros

 

Fisterra (A Coruña), 21 de outubro de 2025.- A Consellería do Mar prevé ter rematados os traballos de reposición da cuberta e acondicionamento do edificio dos departamentos para usuarios do porto de Fisterra na próxima primavera. Así o comunicou a titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, nunha visita ao porto fisterrán, na que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, entidade promotora da actuación, José Antonio Álvarez.

A conselleira lembrou que o Consello da Xunta informou o pasado día 13 da adxudicación das obras de mellora do edificio de departamentos, cun orzamento de 320.000 euros, IVE incluído, e informou de que onte asinouse o contrato con empresa adxudicataria. Ademais indicou que os traballos consistirán na reposición da actual cuberta para evitar a filtración de humidades e o acondicionamento dos elementos metálicos do conxunto da envolvente, dado o estado de corrosión en que xera a súa forte exposición ao ambiente mariño. Ademais executarase unha nova rede soterrada de evacuación das augas pluviais e substituiranse os canlóns e baixantes. 

Villaverde explicou tamén que dado que os departamentos teñen que atoparse baleiros para a execución dos traballos previamente ao inicio dos mesmos procederase á instalación provisional duns contedores marítimos na contorna do edificio, para uso dos usuarios dos departamentos, permitíndolles así proseguir coa súa actividade.

O prazo de execución dos traballos, unha vez iniciada a obra, será de 5 meses e con esta actuación Portos de Galicia mellorará as condicións de traballo dos profesionais que desenvolven a súa actividade no porto de Fisterra, recuperando a estanquidade nos locais dos que dispoñen para almacenamento de pertreitos.

Finalmente, Villaverde lembrou tamén outro importante investimento realizado por Portos de Galicia no peirao de Fisterra nos últimos meses como foi a renovación das luminarias portuarias con tecnoloxía LED. O ente público investiu nesta actuación 120.000 euros co obxectivo de reducir o consumo e permitir un aforro enerxético de ata o 60%.

 

Orzamentos 2026

Durante a súa visita a Fisterra a conselleira do Mar deu a coñecer tamén outras actuacións previstas por Portos de Galicia na Costa da Morte que se inclúen nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2026. Así, informou de que o ente público ten prevista unha partida de preto dun millón de euros no vindeiro exercicio para diversas obras na comarca cuxo importe plurianual supera os 20 millóns de euros.

Entre as actuacións con maior consignación para o vindeiro ano destacou a reposición da cuberta da lonxa de Portocubelo, en Carnota, por importe de 200.000 euros; a remodelación do vía de acceso ao porto de Corme, cun orzamento plurianual de case 500.000 euros; e a mellora da operatividade do porto de Malpica, para a que se prevén 300.000 euros en 2026 dos 5 millóns de euros plurianuais e para a que se asinará un convenio de colaboración coa Fundación Universidade da Coruña para novos estudios.  

Tamén se consignan partidas para outras actuacións en fase máis inicial como a reparación dos departamentos de exportadores de Malpica, os departamentos de Muxía e os de Camariñas, o estudio de estabilidade no porto de Caión (A Laracha) e o porto mixto de Corcubión.