Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

A XUNTA CONTEMPLA CASE 3 MILLÓNS DE EUROS NOS ORZAMENTOS 2026 PARA MELLORAS NOS PORTOS DA MARIÑA LUCENSE

  • Marta Villaverde detallou as nove actuacións que se recollen para o vindeiro exercicio e que prevén un investimento plurianual de 21 millóns.
  • Contémplase a reordenación da fachada marítima de Viveiro e o saneamento e o reforzo do dique de abrigo de Celeiro, o acceso ao porto e o reforzo dun noiro en Ribadeo, a dragaxe do porto de Foz e a remodelación da dársena de Portochico, a culminación do reforzo do abrigo de Burela e o contradique e ampliación de Morás.

 

Viveiro (Lugo), 18 de outubro de 2025.- A Xunta de Galicia contempla 2,9 millóns de euros nos orzamentos de 2026 para actuacións de mellora nos portos de titularidade autonómica da Mariña lucense. Así o anunciou esta mañá a conselleira do Mar, Marta Villaverde, nunha visita a Viveiro para presentar as previsións de investimento do seu departamento na comarca durante o vindeiro ano.

A titular de Mar explicou que os Orzamentos 2026 contemplan en total investimentos en 9 actuacións portuarias na Mariña de Lugo que supoñen unha anualidade global de case 3  millóns de euros para o 2026 e cuxo importe global do conxunto das obras previstas (con financiación plurianual) ascende a 21 millóns. Este investimento duplica a anualidade destinada para a comarca lucense no pasado exercicio orzamentario.

Villaverde detallou que en concreto no municipio de Viveiro Portos de Galicia consigna máis de 450.000 euros na vindeira anualidade para tres actuacións de envergadura. Así, contémplase a obra de saneamento do porto de Celeiro, por importe de 250.000 euros consignados integramente na anualidade 2026. Trátase da mellora da conexión da rede de saneamento portuaria á rede municipal con completando a recente urbanización de acceso ao porto. Ademais prevese a reordenación da fachada marítima e aparcadoiro de Viveiro, cun orzamento total de 1,8 millóns de euros dos que 200.000 euros se consignan en 2026.

A obra consiste na humanización da fronte marítima na zona comprendida entre a estación de autobuses e a casa do gardapeiraos, incluíndo a habilitación de zona de aparcadoiro público e a posta en valor do edificio da casa do gardapeiraos. Finalmente, destínanse tamén 12.000 euros no vindeiro exercicio á planificación do reforzo do dique de Celeiro, cun orzamento de 1,2 millóns de euros plurianuais. Esta actuación prevé un redeseño do dique para adaptalo ás condicións marítimas actuais tendo en conta o desgaste producido polos temporais dos últimos anos.

Polo que respecta ao conxunto da comarca mariñá, a Consellería do Mar investirá 800.000 euros na dragaxe da canle de acceso ao porto de Foz. O orzamento dá continuidade ademais ao proxecto do acceso ao porto de Ribadeo, cun investimento de 450.000 euros e prevé o reforzo do noiro do peirao cun importe plurianual de 675.000 euros. Así mesmo, o ente público destina 760.000 euros en 2026 para culminar as obras de reforzo do abrigo e adaptación ao cambio climático no porto de Burela.

 

Planificación plurianual

Finalmente contémplanse partidas de diferente importe para outras actuacións que se atopan polo momento en fases máis iniciais. É o caso da mellora do abrigo cun contradique no porto de Morás, cun custe estimado de máis de 7,5 millóns de euros e para a que a Xunta destina 80.000 euros de cara ao ano que ven; e a remodelación da dársena deportiva de Foz, aínda en fase preliminar, que conta cunha anualidade de 30.000 euros.