Publicador de contenidos
A XUNTA DE GALICIA INVISTE 265.000 EUROS NA RENOVACIÓN DAS LUMINARIAS DO PORTO DE RIBEIRA CON TECNOLOXÍA LED DE ALTA PRESTACIÓN E SOFTWARE DE TELECONTROL
- As obras están en execución e permitirán modernizar o alumeado exterior do porto cun aforro enerxético estimado do 60%
- Portos de Galicia autorizou a celebración das festas de San Xoán e do verán no peirao de Palmeira
Ribeira (A Coruña), 19 de xuño de 2025.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, inviste 265.000 nas obras de renovación das luminarias do porto de Ribeira por tecnoloxía led de alta prestación e control telemático. As obras están en execución esta semana e permitirán modernizar o alumeado exterior do porto, reducindo o consumo enerxético.
Esta actuación enmárcase nun plan global para unha trintena de dársenas autonómicas no que Portos de Galicia inviste este ano 3 millóns de euros para dotar de sistemas de alumeado exterior sustentable ao sistema portuario autonómico. En concreto no porto de Ribeira, estase a actuar sobre 169 luminarias e proxectores para a súa renovación, incluíndo a retirada das instalacións existentes, substitución polos novos equipos LED, así como a dotación de sistemas de telexestión.
O obxectivo principal destes traballos de modernización é reducir a contaminación ambiental e luminosa nos espazos portuarios, co apoio dun sistema de control remoto das luminarias. Así, aportarase maior comodidade visual aos seus traballadores e usuarios ademais de procurar ese aforro enerxético estimado do 60%.
Con este obxectivo, implantarase tecnoloxía LED con equipos de altas prestacións deseñados especialmente para traballar en espazos portuarios pola súa durabilidade en ambientes mariños e condicións climáticas adversas. Ademais, incrementarase a protección contra sobretensións e implantarase unha capa tecnolóxica para o telecontrol de iluminación.
Esta actuación únese á recentemente rematada de renovación dos pavimentos nos viais do porto de Ribeira. O ente público executou un novo pavimento en varias zonas do peirao, o aparcadoiro da lonxa, o paseo das Carolinas e a avenida do Malecón. O investimento total desta actuación foi de 140.000 euros.
Autorización para as festas en Palmeira
Ademais, Portos de Galicia vén de emitir autorización para a celebración de dúas celebracións de festas no porto ribeirense de Palmeira. Así, o ente público outorgou xa os permisos para as festas de San Xoán desta parroquia así como para os festexos estivais que se celebran no mes de agosto.