Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

A XUNTA DE GALICIA LICITA POR 218.000 EUROS AS OBRAS DA SEGUNDA FASE DA DRAGAXE DO PORTO DE CARIÑO

  • Os documentos e pregos do procedemento están dispoñibles desde hoxe na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante, e na páxina web oficial de Portos de Galicia

 

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2025.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, iniciou o procedemento de licitación das obras da segunda fase da dragaxe do porto de Cariño cun importe de 218.000 euros. Este procedemento negociado iníciase logo de non terse presentado ofertas ao concurso público previo.

Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles para os interesados na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante, e na páxina web oficial de Portos de Galicia, www.portosdegalicia.gal. Os licitadores terán de prazo ata o día 28 deste mes para presentar as súas ofertas.

A segunda fase da dragaxe complementa as obras executadas para a recuperación de calado nesta dársena ao longo deste ano nas que Portos de Galicia investiu xa 600.000 euros. En concreto, nesta segunda fase dragaranse, ata alcanzar a cota de referencia -7 m, un total de 15.840 metros cadrados da zona portuaria situada nos peiraos de atracada comercial interiores do porto, na que se extraerán un total de 11.252 metros cúbicos, que se levarán ao punto de vertedura autorizado.

O prazo de execución dos traballos, unha vez iniciada a obra, será de 3 meses e con esta actuación Portos de Galicia mantén o calado necesario para garantir a operatividade e seguridade nas instalacións portuarias de Cariño.