Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

A xunta destinará 10 millóns de euros a mellorar insfraestruturas e equipamentos de lonxas e portos pesqueiros no período 2023-2025

  • Os apoios permitirán avanzar na seguridade e condicións de traballo dos profesionais do mar e na eficiencia enerxética e protección ambiental, así como na conservación das descargas de peixe e marisco e a súa trazabilidade.
  • Tamén se promoverán actuacións que permitan ás dársenas e resto de instalacións portuarias estar mellor preparadas para afrontar as inclemencias meteorolóxicas que poda provocar o cambio climático.
  • Agora financiadas baixo o Fempa, nas anteriores convocatorias da Consellería do Mar co Fondo Europeo, Marítimo e de Pesca (FEMP) apoiáronse preto de 470 proxectos colectivos por un importe superior a 21 millóns de euros.

 

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023.- A Consellería do Mar destinará no período comprendido entre 2023 e 2025 un total de 10 millóns de euros co obxectivo de modernización das infraestruturas dos portos, das lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque. Estes apoios plurianuais enmárcanse na orde de axudas que publicará mañá o Diario Oficial de Galicia (DOG) e que forma parte das accións de mellora constante destas instalacións e dos equipamentos portuarios para facilitar o labor diario dos profesionais do mar e impulsar a competitividade e rendibilidade do sector. Unha estratexia que se integra no Plan de Equipamentos Pesqueiros de Galicia 2030, que recolle un investimento total de 34,7 millóns de euros nese horizonte temporal.

Segundo analizou hoxe o Consello da Xunta, son obxecto destes apoios as actuacións que contribúan á mellora da eficiencia enerxética, da protección do medio ambiente e da seguridade e as condicións de traballo das persoas pescadoras. Ademais serán subvencionables as iniciativas que favorezan a conservación das descargas de peixe e marisco, a súa trazabilidade, a selección ou a etiquetaxe.

Trátase de convocatorias vivas que van sumando novos investimentos cada ano para adaptarse ás necesidades do sector. Despois de que a primeira convocatoria deste ano incluíse como subvencionables novas actuacións en materia de protección do medio ambiente e para contribuír a reducir a pegada de carbono, a principal novidade das que agora se porán en marcha por primeira vez financiadas polo novo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (Fempa) está en que se promoverán actuacións nas dársenas e resto de instalacións portuarias e de primeira veda de peixe orientadas a estar mellor preparadas para afrontar as inclemencias meteorolóxicas.

Segundo se recolle no documento estratéxico de planificación ata 2030, é necesario establecer mecanismos de reforzo e modernización de infraestruturas e instalacións de portos pesqueiros, fondeadoiros e lugares de desembarque para afrontar eventos inesperados que permitan mitigar as consecuencias do cambio climático. Isto supón contribuír a desenvolver portos resilientes.

Estas axudas poderán beneficiar a confrarías de pescadores, agrupacións de interese económico do sector pesqueiro, organizacións de produtores de pesca, cooperativas, asociacións profesionais de persoas mariscadoras e de redeiras.

 

Primeira convocatoria Fempa

O DOG recollerá mañá a orde que representa a segunda convocatoria para este ano 2023 deste tipo de axudas, despois da primeira que se lanzou a finais do ano pasado baixo o amparo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e que propiciou 73 actuacións por un importe superior aos 4,2 millóns de euros. Esta cantidade incrementarase agora, baixo a financiación do Fempa (que cubre o 70% do investimento) noutros 2 millóns de euros.

Desde o ano 2016, as convocatorias anteriores postas en marcha pola Consellería do Mar permitiron apoiar 468 proxectos colectivos por un importe superior aos 21 millóns de euros. Dentro destas actuacións houbo un total de 48 para proxectos de eficiencia enerxética e protección do medio ambiente que mobilizaron preto de 3,5 millóns de euros, neste caso concreto desde 2019 ata o que levamos de 2023.