Publicador de contenidos
A XUNTA DOTA AO PORTO DE CAMBADOS DUN ACCESO TOTALMENTE RENOVADO E SEGURO Á ILLA DAS GORITAS TRAS INVESTIR 400.000 EUROS
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou o remate duns traballos de Portos de Galicia que consolidan a estrutura da ponte, eliminan os problemas de corrosión e garanten o tránsito de vehículos pesados cara aos pantaláns
Cambados (Pontevedra), 1 de xullo de 2026.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, completou as obras de rehabilitación integral e aumento da vida útil da ponte de acceso á illa das Goritas, no porto de Cambados. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo delegado da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, e pola presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, supervisou esta mañá o resultado duns traballos que xa se atopan plenamente operativos e que supuxeron un investimento autonómico de 400.000 euros para modernizar unha infraestrutura clave na loxística portuaria do municipio.
Coa posta en servizo desta ponte, Portos de Galicia garante a máxima seguridade e estabilidade para a circulación tanto de utilitarios coma de vehículos pesados vinculados á actividade diaria do sector do mar. A actuación corrixe de forma definitiva os problemas de desgaste acumulados pola exposición ao medio mariño, logrando recuperar anos de vida útil para o taboleiro e asegurando a plena conectividade coa explanada e os pantaláns da illa a longo prazo.
Para frear de xeito definitivo o devalo do formigón e reforzar a capacidade de carga da ponte, o proxecto combinou unha profunda intervención estrutural cunha renovación estética da contorna. Deste xeito, os traballos incluíron a substitución por completo dunha das vigas principais por unha nova peza prefabricada de alta resistencia conectada ao taboleiro, así como a aplicación de tratamentos químicos inhibidores da corrosión e morteiros elásticos de impermeabilización en toda a superficie para crear un escudo protector fronte ás mareas e ao salitre.
Esta complexa actuación técnica completouse co recondicionamento do pavimento das beirarrúas, a reposición de varandas e farois e a reactivación total do sistema de alumeado público, o que permite devolver a plena seguridade e comodidade tanto a condutores como a peóns.