Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

A xunta lanza a web de redemar para achegar a súa actividade e o coñecemento adquirido ao sector pesqueiro e ao gran público

  • O portal, que se desenvolveu en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, amosa o traballo desta rede de colaboración entre os profesionais e os organismos científicos galegos
  • En 2023 Redemar desenvolveu nove proxectos de investigación e viu incrementado o seu orzamento un 42% este ano ata o 1,8 millóns de euros

 

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024.- A Consellería do Mar creou no ano 2022 ao amparo do Programa Operativo para España do anterior Fondo Europeo Marítimo e Pesca (Femp) a rede de colaboración entre o sector pesqueiro e os organismos científicos galegos co obxectivo de fomentar o intercambio e a transferencia de coñecementos e aportar novas respostas aos desafíos presentes e futuros aos que se enfronta a actividade pesqueira. No seu primeiro ano, esta plataforma estivo desenvolvendo a súa misión entorno a seis grupos de traballo e 9 proxectos de investigación que contaron coa participación das tres universidades galegas, do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), das federacións de confrarías Galega e da provincia de Pontevedra así como de máis de 18 pósitos.

Na liña de ampliar as canles de intercambio de información e a visión xerada sobre as actividades do seus membros a Xunta lanza a web de Redemar https://redemar.xunta.gal/gl co obxectivo tamén de que sirva como novo escaparate tanto dentro como fóra do sector do mar no cal dar a coñecer o traballo que se está a desenvolver entre o gran público. Na páxina web os usuarios poderán atopar diferentes apartados nos que coñecer as xuntanzas celebradas, proxectos e actividades executadas e os seus resultados, información dos grupos de traballo así como un espazo no que descargar a documentación necesaria para realizar novas propostas á Rede.

O portal, que se desenvolveu en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), emprega ferramentas de código aberto e garante os requisitos de usabilidade e accesibilidade que estable a Administración autonómica na súa política de presenza en internet.

Novo reforzo

A Xunta dá un novo paso no reforzo da actividade de Redemar que viu incrementado o seu orzamento esta ano nun 42% ata alcanzar o 1,8 millóns de euros. Desde a Consellería do Mar se pon en valor a decidida aposta pola capacidade investigadora galega ao servizo das necesidades reais en materia de ciencia mariña e de aí a necesidade de continuar potenciando esta plataforma como punto de conexión  na que orixinar máis oportunidades de colaboración que permitan constituír novos proxectos de investigación en beneficio do mar de Galicia.