Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de Galicia licita por preto de 350.000 euros as obras de urbanización da contorna dos departamentos do peirao de Ortigueira

  • Prazo para a presentación de ofertas rematará o vindeiro martes 7 de decembro.

 

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2021.- Portos de Galicia, vén de iniciar o procedemento de licitación das obras de urbanización da contorna dos departamentos para usuarios do peirao de Ortigueira. Esta actuación sae a concurso cun orzamento base de licitación de 344.000 euros.

Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles para os interesados na plataforma de Contratos de Galicia, no perfil do contratante, e na páxina web oficial de Portos de Galicia, dentro da sección "Convocatorias de obras e proxectos". Os licitadores terán de prazo ata o día 7 de decembro para presentar as súas ofertas.

O obxecto das obras proxectadas é o acondicionamento do firme na zona, reparando así os danos que presenta na actualidade como consecuencia do tránsito rodado. Ademais favorécese a mobilidade peonil entre o parque do Malecón e as beirarrúas existentes na contorna do cemiterio municipal e renovaranse os servizos urbanos.

Os traballos consistirán na substitución de pavimentos empregando solados de lousas de formigón, formigón desactivado e formigón pulido así como calzadas de formigón bituminoso e zonas axardinadas. Igualmente, procederase a renovación de servicios urbanos mediante o desmontado de alumeado público existente e a instalación de cable aéreo así como a execución de novas redes de saneamento, pluviais, alumeado público, baixa tensión e rego automático en xardíns.