Publicador de contenidos
A xunta traballa no anteproxecto de reforma do bordo portuario de portonovo cun investimento estimado de arredor de 15 millóns de euros
A conselleira do Mar visitou Portonovo para presentar os plans de transformación da súa fachada portuaria.
- O punto de partida é o proxecto gañador do concurso de ideas posto en marcha en xaneiro do ano pasado por Portos de Galicia e o Concello de Sanxenxo.
- A previsión é executar as actuacións en distintas fases e o investimento será sufragado por Portos de Galicia e polos concesionarios das distintas instalacións planificadas na zona como o aparcadoiro subterráneo.
- O plan inclúe a construción de novos departamentos de usuarios, o cambio de localización da fábrica de xeo, a ampliación das instalacións das redeiras ou a habilitación de amarres para embarcacións culturais, entre outras actuacións.
- A conselleira do Mar salienta que se trata dun proxecto ambicioso de amplo percorrido que implicará trámites como a modificación da delimitación de espazos e usos portuarios ou a elaboración dun plan especial para o porto nos que Portos de Galicia e o Concello xa están a traballar para axilizalos o máximo posible.
Sanxenxo (Pontevedra), 30 de marzo de 2023.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe o peirao de Portonovo para presentar os plans de transformación da fachada portuaria da localidade, que pasan por un anteproxecto no que está a traballar Portos de Galicia cun investimento estimado, compartido e a medio prazo de arredor de 15 millóns de euros.
A titular de Mar, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, explicou que o anteproxecto ten como punto de partida o proxecto gañador do concurso de ideas lanzado polo ente público e o Concello de Sanxenxo -en colaboración co Colexio de Enxeñeiros, Canais e Portos e do Colexio de Arquitectos de Galicia- en xaneiro de 2022 para reordenar os distintos espazos do peirao de Portonovo.
A representante do Executivo galego detallou que a idea é executar as actuacións previstas polo proxecto gañador do concurso -Novo porto de Portonovo, elixida entre seis finalistas- en distintas fases. De feito, o investimento estimado de 15 millóns de euros será sufragado de xeito compartido por Portos de Galicia e polos concesionarios de distintas instalacións como o aparcadoiro subterráneo planificado na zona.
O proxecto resolve a comunicación transversal entre o núcleo urbano da localidade e o bordo portuario ampliando o espazo de uso peonil próximo ás vivendas. Ademais, mantén a conexión lonxitudinal, tanto peonil como rodada, necesaria para o desenvolvemento da actividade portuaria e a accesibilidade á trama urbana.
A planificación dos espazos inclúe varias prazas pensadas para os peóns e resolve o problema de estacionamento na contorna coa creación dun aparcadoiro subterráneo con máis de 300 prazas dispoñibles nun só andar. Ademais reserva máis de 15.000 metros cadrados para áreas peonís e zonas verdes humanizadas, incluída unha gran praza central resultante de rectificar a vía para afastala das fachadas, así como unha nova praza do Porto próxima á lonxa.
Usos portuarios
A estas e outras actuacións na zona urbana engádense outras para a actividade pesqueira e usos portuarios aos que o proxecto reserva preto de 22.000 metros cadrados. Entre as actuacións a realizar está o derrubamento do edificio de departamentos de usuarios da avenida de Pontevedra para trasladar a súa actividade a un novo edificio instalado no espigón do dique de abrigo. A previsión é tamén cambiar de localización a fábrica de xeo e crear novos espazos para as escolas de vela e remo.
A conselleira salientou que se trata dun proxecto moi ambicioso e de amplo percorrido pois implicará trámites como a modificación da delimitación de espazos e usos portuarios (DEUP) e a elaboración dun plan especial do porto de Portonovo. Neste sentido, Rosa Quintana incidiu en que a Xunta e o Concello están a traballar da man para axilizar toda a tramitación e iniciar canto antes a transformación da fachada marítima da localidade.
O labor que está a realizar Portos de Galicia para iniciar a contratación do anteproxecto inclúe grandes fitos como esa reordenación do tráfico sobre unha plataforma única, a construción de novos departamentos de usuarios ou a creación dun paseo sobre o dique de abrigo que dará acceso ao servizo de pasaxe. A eles engádense a dotación dunha praza pública para o lecer da cidadanía, a creación dese aparcadoiro subterráneo, a ampliación das instalacións das redeiras, a dotación de equipamentos para as escolas deportivas ou a habilitación de prazas de atraque para embarcacións culturais, entre outras actuacións.