Publicador de contenidos
GALICIA SITÚA COMO PRIORIDADES A SOSTENIBILIDADE, CALIDADE E COMPETITIVIDADE DOS PORTOS DEPORTIVOS PARA IMPULSAR O TURISMO NÁUTICO NA COMUNIDADE
- O presidente de Portos de Galicia destaca que a rede portuaria galega é a máis grande de España duplicando a de Andalucía que ocupa a segunda praza no ranking o que supón grandes desafíos na súa xestión
- A entidade pública xestiona directamente 42 das 73 instalacións náuticas que contan cun total de 10.700 prazas cunha ocupación media ao longo de todo o ano que supera o 80% constituíndo un motor de riqueza e emprego
- Por primeira vez ten consignados 1,2 millóns de euros para a mellora destas infraestruturas que rexistraron o pasado ano 5.835 barcos estranxeiros en tránsito o que xerou un volume de negocio de 6,2 millóns de euros
Málaga, 14 de marzo de 2025.- Galicia é un referente no ámbito do turismo náutico no ámbito nacional como así o manifestou o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, no marco do XXII Congreso Náutico ANEN 2025 celebrado en Málaga. Alí explicou que as prioridades do ente público para os vindeiros anos pasa polo impulso da sostenibilidade, a calidade do servizo e a competitividade das instalacións náutico-deportivas como piares fundamentais para impulsar o turismo náutico na comunidade.
Nesta liña, resaltou a magnitude da rede portuaria galega cun total de 128 portos dos cales 122 son de titularidade autonómica e que duplica os de Andalucía, segunda comunidade de España con maior número de recintos portuarios, o que supón un importante desafío no ámbito da xestión. Unhas instalacións nas que conviven diferentes actividades como a pesqueira, a deportiva, a comercial ou a pasaxe. Un aspecto este que amosa a tradición e vínculo histórico de Galicia co mar.
Álvarez sinalou que Portos xestiona de forma directa 42 das 73 portos deportivos que ofertan un total de 10.700 prazas que presentan unha ocupación media superior do 80%. Así, o ano pasado foron 5.834 barcos estranxeiros os que recalaron nestas instalacións, constituíndo unha auténtica porta de entrada de novos visitantes á comunidade, cun volume de negocio de 6,2 millóns de euros. Cifras que poñen negro sobre branco a capacidade deste sector de xerar riqueza e emprego.
Nesta liña, o presidente da entidade pública puxo en valor a estreita colaboración coas entidades do sector como Asnauga e Mariñas de Galicia pola consolidación do turismo náutico sustentado no Camiño de Santiago polo Mar e o consumo de produtos do mar xerando sinerxía entre esta actividade e a pesqueira. No marco desta estratexia este ano foron consignado no orzamento por primeira vez 1,2 millóns de euros para a mellora destas infraestruturas portuarias que permitan seguir incidindo na calidade na prestación de servizos mediante o impulso e apoio técnico para a obtención de certificacións. Froto deste traballo Galicia conta co 72% das certificacións S de Sostibilidade, o 62% das Q o 100% das EMAS e 70% das ISO 14001 de España. Un traballo que se complementa coa promoción diferencia en feiras internacionais como a de La Rochelle, Southampton, Dusseldorf, Amsterdam ou París.
Fondos Next Generation
José Antonio Álvarez detallou que ao abeiro dos fondos europeos e co respaldo da Xunta o sector náutico galego acometeu importantes iniciativas dirixidas a fomentar a sostibilidade e respecto ao medio ambiente. Así, enumerou que se colocaron 14 instalacións de xeración de enerxía fotovoltaica, foron dixitalizadas 2.370 tomas de enerxía en 23 infraestruturas portuarias deportivas, facilitando un maior control e eficiencia dos consumos. Ademais instaláronse máis de 9.400 m2 de pavimento sintético con materiais 95% reciclables, 19 sistemas de cobertura wifi, contedores con equipación de loita contra a contaminación mariña ou tres estacións de mobilidade con bicicletas eléctricas para dar servizo aos usuarios das mariñas.
Folla de ruta
O presidente de Portos sinalou que no marco da Estratexia da Economía Azul de Galicia 2024-2027, que recolle 40 medidas que mobilizarán 114 millóns de euros, está previsto continuar afondando na resposta a retos como o cambio climático e a diversificación do tecido produtivo combinando sostibilidade e crecemento económico cunha aposta decidida polo fomento do I+D+i azul e a retención de talento especializado. Unha liña de traballo sustentada na colaboración co sector que pretende consolidar o turismo náutico na comunidade mediante unha mellora da competitividade e do posicionamento de Galicia como destino.