Publicador de contenidos
Mar e o Concello de Poio colaboran na mellora do porto de Covelo cun investimento de 450.000 €
- Marta Villaverde visitou a dársena para informar sobre a proposta de renovación dos firmes que executará o Concello nunha primeira fase e Portos de Galicia na segunda.
Poio (Pontevedra), 15 de maio de 2026.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, e o Concello de Poio colaboran no proxecto de mellora do porto de Covelo no que ambas administracións investirán en total 450.000 euros. Así o trasladou esta mañá a titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, nunha visita á dársena na que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes.
A conselleira explicou que Portos de Galicia e o Concello de Poio veñen de asinar un convenio de colaboración para a execución na zona portuaria de Covelo das obras de mellora do firme por parte da administración local. Este acordo “é o resultado da colaboración institucional entre ambas administracións, Concello e Xunta, para a mellora dun espazo de titularidade portuaria pero de uso xeral polo conxunto da cidadanía”, explicou.
A actuación municipal supón a primeira fase do proxecto que se completará posteriormente coas obras de Portos de Galicia para a renovación total do firme portuario. Na primeira fase, a autorizada polo convenio, o Concello de Poio investirá 250.000 euros, mentres que na segunda fase, Portos de Galicia achegará outros 200.000 euros, dentro do plan global de renovación de firmes que se licitará este ano cun orzamento de 3 millóns de euros para unha trintena de portos.
O obxecto destas obras e favorecer a integración porto-cidade, un eixo de traballo permanente para Portos de Galicia dado o uso veciñal e non estritamente portuario de boa parte das instalacións de titularidade portuaria. Con este fin, as obras contemplan a creación dun espazo máis seguro e accesible, que garanta a continuidade dos itinerarios peonís e ordene o tráfico, reforzando o papel do porto como centro turístico, residencial e hostaleiro.
2,1 millóns para Combarro
Durante a súa visita a Covelo, a conselleira trasladou ademais os avances na tramitación das obras dos departamentos de usuarios do porto de Combarro, tamén no municipio de Poio. Villaverde informou de que Portos de Galicia iniciou o mércores a segunda licitación das obras para a renovación dos tres edificios que albergan un total de 28 departamentos de usuarios, logo de que o primeiro concurso, cun importe de licitación de 1,4 millóns, quedase deserto. A nova licitación reforza notablemente o investimento do ente público nesta actuación cun orzamento base de 2,1 millóns.
A conselleira resaltou que esta obra, que conta con financiación dos fondos Fempa, mellorará as condicións de traballo dos profesionais que operan no porto de Combarro e dará resposta a unha demanda reiterada da confraría de pescadores.
Os documentos e pregos do concurso están dispoñibles na plataforma Contratos de Galicia, no perfil do contratante e na páxina web oficial de Portos de Galicia. O prazo para a presentación de ofertas rematará o vindeiro 8 de xuño.