Publicador de contenidos
O PRESIDENTE DE PORTOS DE GALICIA DESTACA OS 15.000 EMPREGOS QUE DERIVAN DE JEALSA COMO GARANTÍA DO SEU INTERESE ESTRATÉXICO
José Antonio Álvarez compareceu na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo para informar da prórroga excepcional da concesión á conserveira.
- O grupo empresarial poderá manter a súa actividade no peirao de Bodión, en Boiro, ata o ano 2067.
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2025.- O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, compareceu esta mañá na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo para informar sobre a prórroga excepcional outorgada polo seu departamento á empresa Jealsa Foods en base ao seu interese estratéxico. Álvarez Vidal subliñou os datos de creación de emprego do grupo empresarial, concretamente 3.000 postos directos e 12.000 indirectos, como garantía do carácter estratéxico da concesión.
O presidente lembrou que Portos de Galicia autorizou, o 27 de novembro deste ano, a prórroga excepcional da concesión a Jealsa Foods, S.A.U. para Industria conserveira e actividades complementarias no porto de Bodión (Boiro), ampliando o seu prazo de vixencia ata o máximo permitido pola lei 6/2017 de Portos de Galicia. Deste xeito a nova data de extinción queda fixada o 03.06.67.
A ampliación da concesión autorizada por Portos de Galicia responde a unha solicitude do grupo empresarial no marco da modificación legal da Lei de Portos de Galicia que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2025 e que permite o tope máximo do prazo de vixencia das concesións –pasando de 50 a 75 anos- sempre que esta ampliación se acompañe dun investimento proporcionado. Deste xeito acompasouse a normativa autonómica coa estatal para evitar que a autonómica fose máis restritiva.
Álvarez Vidal destacou que esta ampliación da concesión é a primeira que se concede nestes termos e outorgouse en base á xustificación por parte da empresa dos requisitos legais preceptivos: o interese estratéxico da concesión e o investimento proporcional ao incremento de prazo. Polo que respecta ao primeiro, a declaración da concesión como estratéxica, de especial relevancia para a actividade portuaria, baséase nos datos de emprego do grupo empresarial que, ademais de xerar 15.000 empregos entre directos e indirectos, ten unha porcentaxe de emprego feminino do 72 % e xustifica un enfoque inclusivo cara ás persoas con discapacidade integrando a 34 no seu cadro de persoal.
Polo que respecta ao investimento previsto, que segundo a lei debe superar os 500.000 euros, Jealsa Foods renovará a cuberta da nave principal para eficiencia enerxética e construirá unha nova nave, o que suporá unha achega total de 3,2 millóns de euros. Así mesmo, ten prevista a reconstrución dunha nave industrial incendiada anos atrás cun investimento previsto de 4,8 millóns de euros, polo que propón un investimento total na comarca do Barbanza para os vindeiros anos de 8 millóns de euros.
Finalmente, o presidente de Portos de Galicia destacou no Parlamento que coa ampliación do prazo da concesión a esta industria estratéxica, Portos de Galicia aporta “unha maior seguridade xurídica e crea as condicións para incentivar o investimento no porto de Bodión”. “Así permite manter a actividade de Jealsa no Barbanza, evitando a deslocalización, mantendo postos de traballo e facilitando a creación de novos empregos”, concluíu.