Publicador de contenidos
PORTOS BONIFICARÁ AO 90% AS TASAS AO REAL CLUB NÁUTICO DE SAN VICENTE DO MAR POLA ESCOLA DE VELA
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2025.- O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, mantivo un encontro con representantes do Club Náutico San Vicente do Mar para analizar o estado da concesión do porto de Pedras Negras no concello pontevedrés do Grove. No encontro, o responsable do ente público trasladou aos responsables do club que, ao abeiro da lei de Taxas de Galicia, Portos aplicará a correspondente bonificación do 90% polo desenvolvemento da actividade da escola de vela.
Por outra banda, Álvarez analizou cos representantes do náutico as necesidades actuais dos usuarios da instalación portuaria e manifestou o compromiso de Portos de continuar colaborando para seguir potenciando a actividade náutico-recreativa neste peirao autonómico. Nesta liña, puxo en valor este sector como motor de actividade económica e de emprego nos municipios costeiros galegos, funcionando como auténtica porta de entrada á comunidade que, no 2024, recibiu a través da rede portuaria autonómica un total de 5.834 barcos de nacionalidades como a francesa, inglesa ou irlandesa, que sumaron un total de 31.200 pernoctas e un volume de negocio de 6,2 millóns de euros.