Publicador de contenidos
Portos de Galicia actualiza as condicións e axiliza os trámites administrativos para a prestación de varios servizos portuarios
- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta regulación que ten como principal novidade a habilitación de procedementos específicos para a súa tramitación na sede electrónica da Xunta e que busca facilitar as xestións ás entidades prestatarias.
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2023.- Portos de Galicia, actualiza os pregos de condicións reguladoras e axiliza os trámites para a prestación de varios servizos portuarios. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova resolución que rexerá estas actividades e que inclúe entre as principais novidades a habilitación de procedementos específicos para a tramitación de cada unha delas na sede electrónica da Xunta por parte das entidades prestatarias.
Deste xeito, coa renovación desta normativa que entrará en vigor a partir de mañá, búscase simplificar e axilizar a súa tramitación e así facilitar as xestións aos particulares e mellorar a calidade do servizo ofrecido.
As actividades portuarias que abarca esta actualización son a de carga, descarga e transbordo de mercadorías, pasaxe, consignación de buques para actividades comerciais, industriais ou doutra natureza, subministración de combustible mediante medios móbiles terrestres e posta a disposición de medios mecánicos.
Así, o texto da resolución recolle o conxunto das condicións actualizadas para a prestación de cada servizo, detalla os códigos dos procedementos para solicitar na sede electrónica da Xunta de Galicia autorización para a súa prestación e tamén especifica aspectos relacionados sobre como realizar a solicitude. Neste sentido, a partir de mañá estarán dispoñibles todos os procedementos na sede electrónica da Xunta de Galicia para a súa tramitación en liña.