Publicador de contenidos
Portos de Galicia adxudica o servizo mantemento das instalacións eléctricas dos portos autonómicos durante 3 anos por 1,9 millóns de euros
O presidente de Portos de Galicia respondeu a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo.
- José Antonio Álvarez informou de que o contrato contempla a posibilidade de prórroga por 2 anualidades máis ata un valor total de 3,6 millóns.
- Inclúe todas as obras de prevención, reparación e novas instalacións para a conservación do conxunto do subministro eléctrico das 122 dársenas de titularidade autonómica.
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2024.- O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, respondeu esta mañá a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo en relación co contrato unificado mantemento das instalacións eléctricas de baixa tensión dos 122 portos autonómicos. Ao respecto, asegurou que o ente público adxudicou onte mesmo os cinco lotes que conforman o contrato por un importe de 1,9 millóns de euros para un prazo de 3 anos.
Durante a súa intervención, o presidente de Portos de Galicia informou de que o contrato contempla a posibilidade de prórroga por 2 anualidades máis ata un total de 3,6 millóns de euros. O servizo consiste na realización dos traballos de mantemento das instalacións eléctricas de baixa tensión que se localizan nos portos autonómicos para o seu correcto funcionamento, mellor rendemento enerxético e redución do impacto no medio ambiente.
As instalacións incluídas neste contrato serán as seguintes: instalacións fixas: cadros, aparellos, mecanismos e acometidas; redes eléctricas de baixa tensión: canalizacións ou cableados; alumeado exterior; soportes de alumeado: báculos, columnas ou brazos; instalacións de xeración de enerxía; redes de terra; instalacións de telexestión; controis de accesos e toda a obra civil relacionada coas instalacións eléctricas: arquetas, canalizacións soterradas, cimentación de báculos, columnas ou armarios, entre outras.
O servizo abrangue fundamentalmente todas aquelas actuacións de mantemento preventivo e correctivo –reparacións, modificacións ou ata novas instalacións-, xestión de avarías ou cortes de subministro; inspeccións periódicas; inventario de instalacións ou asistencia técnica en relación ao estado das instalacións. Para unha organización máis eficaz o contrato divídese en 5 lotes por áreas xeográficas, a saber: de Ribadeo a Ares; de Pontedeume a O Pindo (Carnota); de Portubelo a Rañó (Rianxo); de Pontecesures a Corbaceiras (Pontevedra) e de Aguete (Marín) a Tui.