Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

Portos de Galicia aproba os documentos de delimitación de espazos e usos portuarios de oito peiraos coruñeses

  • Os portos beneficiarios son os de Ortigueira-Espasante, Mugardos-O Seixo, Betanzos, Caión e Portocubelo-O Pindo.
  • Esta ferramenta define as actividades que se desenvolven en cada un dos peiraos e zonifica o solo para o desenvolvemento doutras no futuro.

 

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2023.- Portos de Galicia ven de aprobar os documentos de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP), o chamado Plan de Usos, dos portos de oito peiraos da provincia da Coruña, a saber, Ortigueira-Espasante, Mugardos-O Seixo, Betanzos, Caión e Portocubelo-O Pindo. O Consello rector do ente público ratificou na súa última reunión ditos plans que permiten unha mellor planificación e explotación do solo portuario.

O DEUP recolle o ordenamento do solo e a distribución das actividades que se desenvolven no dominio público portuario. Deste xeito, define os usos e actividades que se desenvolven de feito en cada caso e zonifica o solo portuario para o desenvolvemento futuro das distintas actividades que conviven nos peiraos.

A Delimitación de Espazos e Usos Portuarios é unha actuación encamiñada a mellorar a relación entre os portos e as vilas que os acollen, unha das liñas de traballo permanente de Portos de Galicia, que a día de hoxe ten aprobado máis de medio centenar de plans para preto de setenta portos autonómicos. Deste xeito, o ente público avanza na cohesión entre o tecido urbano e as infraestruturas portuarias, de modo que poidan beneficiar non só aos usuarios directos, senón tamén ao conxunto da cidadanía. Así mesmo, establece unha planificación e zonificación das diferentes actividades que conviven no peirao, a medio e longo prazo.

 

Tramitación con 3 administracións

A aprobación dos DEUP é o resultado dun procedemento administrativo con numerosos trámites nos que interveñen as administracións locais, a Xunta e o Goberno central. Portos de Galicia é o encargado da redacción do documento que se somete a información pública no DOG durante 2 meses. En paralelo solicítase informe ao Concello, diversas Consellerías da Xunta e Dirección Xeral de Costas, do Ministerio de Transición Ecolóxica. Unha vez recabadas, no seu caso as alegacións, incorpóranse as aceptadas e respóstanse argumentando as rexeitadas. Finalmente, o documento elévase ao Consello Reitor de Portos de Galicia para a súa aprobación.