Publicador de contenidos
Portos de Galicia asina co concello de poio o convenio que permite ampliar as zonas habilitadas para a pesca recreativa en Raxó, Campelo e Combarro
- Avanza así no seu compromiso de abrir novos espazos mediante a colaboración cos gobernos locais que asumen o control e vixilancia desta actividade veciñal.
Poio (Pontevedra), 19 de febreiro de 2026.- O presidente de Portos de Galicia, entidade adscrita á Consellería do Mar, José Antonio Álvarez, e alcalde do Concello de Poio, Ángel Moldes, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para ampliar as zonas autorizadas para a práctica da pesca recreativa nos peiraos de Raxó, Campelo e Combarro. Os planos das novas zonas autorizadas están dispoñibles xa na páxina web de Portos de Galicia, onde figura tamén o plano que permitía xa esta actividade en todo o porto de Covelo.
En concreto, no porto de Campelo establécense tres zonas para a pesca: o lateral exterior e unha liña na entrada, máis próxima ao viario, como zonas libres e parte da punta do peirao, como zona con limitacións que poderán consultarse no plano. Polo que respecta o porto de Combarro a nova liña de pesca habilitada dará continuidade á zona de pesca libre que se contemplaba no extremo sur do porto. Finalmente, en Raxó ábrese unha zona para esta actividade na punta do espigón.
O presidente de Portos de Galicia destacou que a través deste convenio, a partir de hoxe todos os portos do municipio de Poio contan cunha zona de pesca autorizada. Ademais sinalou a importancia para o ente público de garantir a convivencia das distintas actividades portuarias primando a seguridade para as persoas e as instalacións.
A través deste acordo, que xa asinaron tamén outros municipios como Ribeira, Malpica, Cervo, Porto do Son, Muros, Laracha, A Guarda e Baiona formalízase o compromiso de Portos de Galicia de abrir máis zonas á pesca mediante a colaboración institucional e minimizando riscos ao igual que se fai noutras actividades de ocio efectuadas en solo portuario. Os convenios permiten establecer un control e vixilancia por parte do Goberno local dunha actividade de lecer veciñal.